Opinión

ERC e Junts enterran o procés

Esta semana asistimos ao final dun ciclo na vida política catalá. O pacto sobre a lingua que ERC e Junts asinaron co PSC e Comuns significa un final de etapa.

Sobre o pacto en concreto e por tanto sobre a situación na cal queda a lingua catalá nas escolas creo que é suficiente facer ver que todo o sindicalismo nacional en bloque está en contra e que todas as asociacións de defensa da lingua están en contra. Só Òmnium, cada día máis irrecoñecible, está a favor do goberno.

Máis aló disto, con todo, paréceme definitorio o significativo paso que se dá rompendo a unidade independentista e a separación de bloques políticos.

Desde o ano 2012, no Parlament de Catalunya, Convergència-PDeCAT-Junts, ERC e a CUP foran sempre xuntos e á marxe dos partidos españois. Con diferenzas, ás veces con discusións volcánicas entre eles pero mantendo unha liña clara de separación entre os que querían un estado independente para Catalunya e os que non.

E isto é o que se rompeu agora. Rompérono ERC e Junts, rachando coa CUP e abrazándose ao PSC. Ao mesmo PSC que mentiu aos cataláns por boca de Zapatero prometendo que aprobarían en Madrid o estatuto que enviase o Parlament de Catalunya. Ao PSC que da man de Montilla apartou ao presidente Maragall e cepillou o seu estatut. Ao PSC que criminalizou o debate político acudindo ao Tribunal Constitucional despois das xornadas históricas de setembro de 2017, cando Catalunya acabou legalmente co franquismo no Parlament. Ao PSC actor indispensable para proclamar o 155 e levar a prisión medio goberno catalán e ao exilio a outra metade -o PP non se atreveu a facelo só-. Ao PSC, en fin, da espionaxe con 'Pegasus' contra os líderes independentistas, aplaudido por Pedro Sánchez esta mesma semana en sede parlamentaria.

Comentarios