Opinión

Eleccións

Pois imos a eleccións. Aínda queda por saber se o Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya nos complicará as cousas anulándoas no último momento pero a campaña xa comezou, estraña, rara de verdade.

Rara porque falamos de cousas certamente insólitas. Por exemplo, os membros das mesas electorais xa saben que ás sete da tarde terán que pór un traxe EPI porque acudirá a votar a xente confinada ou con síntomas de Covid-19. Non me negaredes, María e Martxelo, que as fotos quedarán realmente distópicas.

A primeira polémica da campaña, de feito, marcou o ton do que pasará. O Goberno anunciou que a cidadanía pode saltar o confinamento perimetral para acudir aos mitins de campaña e isto desatou unha agre polémica con moitos sectores enfadados polo que parecía un privilexio. Os actores, por exemplo, protestaron con vehemencia e algúns músicos anunciaron que no canto de facer concertos a partir de agora farían mitins.

O Goberno anunciou que se pode saltar o confinamento perimetral para acudir aos mitins

Temos por diante, pois, dúas semanas ben estrañas. Nas que os cálculos habituais serven de ben pouco. Que valor, por exemplo, poden ter as enquisas nunha campaña como esta, que podería bater todos os récords de abstención? E como será esta abstención? Afectará a uns grupos si e a outros non? Pero a que tipo de grupos? Grupos de idade?

Ou bloques ideolóxicos? Tradicionalmente os españois participaron menos que os cataláns nas eleccións autonómicas, simplemente porque as senten menos próximas. Pasará isto agora?

Con todas as prevencións do mundo, pois, a maioría dos xornalistas convimos en que o cacarexo efecto Illa non será tanto e que Esquerra e Junts chegan tan empatados ás urnas que non é posíbel prognosticar un claro vencedor. Illa ten un problema, máis aló do personaxe, que é que agora os grupos españolistas son catro e non tres, como nas eleccións de 2017. E iso fai difícil que poida enfilarse até os 36 escanos que conseguiu Ciutadans e que lle permitiron superar a Junts e a ERC.

Comentarios