Opinión

Dous tiros

A Marjian pegáronlle dous tiros en Barcelona, a pasada fin de semana. Un axente da Garda Urbana. Era un home da rúa, sen teito, de orixe húngaro. Levaba meses sempre nos mesmos portais nunha das grandes avenidas da cidade.

Os feitos seguen sen estar claros. Afortunadamente os dous tiros non o mataron e supoño que todo comezará a saberse cando el poida volver a falar. Por exemplo, por que unha furgoneta de policías o acurralou nun portal, subindo sobre a beirarrúa e usando o vehículo como ariete. Marjian revolveuse, xirouse, acercouse aos axentes e un, que levaba a pistola desenfundada desde que comezou a manobra disparou. Quen desenfunda unha pistola ante un mendigo?

O incidente intentouse rebaixar. Non é sinxelo para o goberno de Ada Colau pero hai algúns aspectos da reacción cidadá que nos delatan a todos como sociedade. E que terían causado un enorme alboroto se pasaran en Detroit ou en Atlanta.

Era unha foto que quería ser a acusación que non se atrevían a verbalizar. A trampa semiótica era indecente.

Por exemplo rapidamente se fixo circular entre os medios unha fotografía dun coitelo ensanguentado. Aclarando que era seu. Era unha foto que quería ser a acusación que non se atrevían a verbalizar. A trampa semiótica era indecente. Un coitelo ensanguentado contra dous tiros dun axente. Lóxico, non?

Pero non se explicaba que a sangue era a súa. Nin aínda menos porque levaba un coitelo. A xente da Fundació Arrels tivo que lembrar entón unha obviedade: levaba un coitelo, como levaba unha culler, un vaso ou un garfo porque vive na rúa e, polo tanto, leva enriba todo o, pouco, que lle pertence.

Din no hospital que se salvará. Mellor. É a única alegría dun caso terríbel que pon unha vez máis de relevo o mal que andamos. Cando fai un par de anos outro membro da Garda Urbana disparou contra un can houbo manifestacións, mocións no pleno, polémica. Mais esta vez practicamente só houbo silencio. Un silencio que, con todo, nos acusa como sociedade.

Comentarios