Opinión

Desgoberno

Esta semana foi particularmente horríbel para o goberno de Catalunya. Un escándalo coas oposicións á Generalitat máis o enésimo problema con Renfe, que colapsou os roteiros metropolitanos do sur de Barcelona. Todo isto puxo o goberno de Pere Aragonès na picota.
O caos das oposicións foi especialmente significativo. Había unha convocatoria moi ampla, con moitos participantes, que acabou nun auténtico fracaso. Non había suficientes fichas nin fotocopias, os participantes estiveron nalgúns casos esperando máis dunha hora para entrar, non se controlaron as entradas e saídas do recinto nin a presenza de móbiles nas aulas.

A cousa é que o goberno decidira externalizar as probas a través da sucursal española dunha multinacional, pagando un millón e medio de euros. E a multinacional subcontratou á súa vez unha ETT, sementando o caos máis absoluto e provocando un alude de protestas e impugnacións. A cousa complicouse aínda máis cando, temendo pola cabeza da conselleira de presidencia Laura Vilagrà, o goberno decidiu destituír a directora xeral da Función Pública e, máis tarde, sóubose que esta directora fora fichada cando xa estaba fechado o contrato de externalización e, por tanto, ela non podía ter ningunha culpa. O parlamento agora pediu a comparecencia de Vilagrà e algúns partidos e sindicatos reclamaron a súa dimisión. Veremos que pasa.

ERC optou por gobernar en solitario, con 33 escanos sobre 135

O problema político, con todo, é máis gordo porque a sensación de desgoberno é moi grande, ERC optou por gobernar en solitario, con 33 escanos sobre 135 e así é practicamente imposíbel facer nada. Mesmo cando non tes a responsabilidade directa do que pasa, a oposición é tan grande e tenlle tantas ganas a un goberno tan débil que todo se fai unha montaña.

Así, unha nova avaría do binomio Renfe-Adif, que parece ser que deixará máis dun mes nunha situación difícil a área metropolitana do sur de Barcelona, puxo de relevo tamén a incapacidade do goberno autonómico. Son decenas de miles de persoas que cada día van ter problemas serios para chegar ao seu traballo e que ven que a Generalitat non lles serve de nada. Porque foi incapaz desde hai anos de resolver a situación e porque agora non ten marxe para facer nada nin parece ter ningunha idea. Un desgoberno preocupante.

Comentarios