Opinión

Do arameo ao vasconio

En Barcelona vive un escritor, moi coñecido tamén como propietario dun restaurante, que é de orixe asirio de Iraq e fala arameo. O arameo é a lingua da súa familia, a súa lingua materna e orixinal.

Unha vez coincidín nun faladoiro radiofónico con el e atrevinme a pedirlle se podía rezar o Noso Pai na súa lingua. Fíxoo e foi un instante máxico porque cando acabou puiden lembrar aos oíntes que aquelas mesmas palabras poderían ser as que pronunciou de maneira orixinal Jesús de Nazaret no sermón da montaña, supoñendo que o relato de Mateo sexa axustado á realidade. O arameo hoxe é unha lingua falada por medio millón de habitantes en todo o mundo, que vive un proceso terríbel de extinción. Pero o seu numero de falantes dá igual ante a súa monumental importancia histórica. O arameo é unha das linguas do mundo que ten un valor máis grande se queremos entendernos a nós mesmos, o que somos.

Que alguén poida ler hoxe cunha certa dificultade pero tamén con naturalidade un texto escrito hai 2.100 anos paréceme simplemente fascinante

A historia do Noso Pai de Pius Alibek, que este é o seu nome, veume á cabeza cando souben o outro día da existencia da Man de Irulegi, que confirma a existencia da lingua dos vascos hai como mínimo 2.100 anos. Unha continuidade no tempo que é sinxelamente incríbel.

Igual que o arameo, o vasco é unha lingua dun valor excepcional. Incomparábel con calquera outra. O catalán, loxicamente, é moi importante para nin, como o galego o é para María, pero o valor obxectivo do catalán e do galego, ou do occitano, o italiano, o francés ou o español, palidece ante o vasco e os seus antecedentes.

Ao final nós somos restos de latín, máis ou menos parecidos e emparentados, unha cousa vulgar. O vasco, con todo, resplandece ao noso lado. Que alguén poida ler hoxe cunha certa dificultade pero tamén con naturalidade un texto escrito hai dous mil cen anos paréceme simplemente fascinante.

Parabéns, pois, a todos os vascos por ser tan afortunados, (Zorioneko) de seguir falando hoxe unha lingua bimilenaria e por continuar irredutíbeis, diferentes.

Comentarios