Opinión

División

Preguntas, Martxelo, pola división dentro do independentismo. É grande pero creo que hai que aclarar que se vive de maneira moi distinta entre os militantes dos partidos e entre a poboación en xeral. 

O clima dentro dos partidos é irrespirábel, sobre todo entre Junts, Esquerra, a CUP e o PDeCAT. É unha pena e unha mágoa que se desperdicien tantas enerxías en atacar o compañeiro do lado, aquel que, como lembras ben, lle daba a man sen problemas na Vía Catalá ou no Primeiro de Outubro. Por desgraza, iso que se chamou a loita pola hexemonía aparcou a loita pola independencia nos círculos organizados e nas institucións. 

Non vexo, con todo, a mesma división na rúa. A rúa observa con estupor e pena o que está a pasar pero vai á súa. Analiza en silencio e será neste sentido moi interesante ver que resultado lanzan as urnas o 14-F porque se cadra, non o sei, a foto é diferente da que hai meses e anos que se fabrica desde os medios e a política institucional.

O clima nos partidos é irrespirábel, sobre todo entre Junts, Esquerra, CUP e PDECAT 

Eu propuxen hai tempo, para entender a situación, analizar a existencia de dous roteiros cara á independencia, que cualifiquei de "reformista" e "rupturista". E creo que o concepto é válido para entender onde se sitúa cada forza e por que propón o que propón. Os reformistas, sobre todo Esquerra pero tamén o PDeCAT, buscan acumular máis forzas para evitar un novo choque na rúa como o de 2017 a base de atopar a maneira de cambiar a política española. Os rupturistas en cambio, basicamente Junts e a CUP, consideran que se pode manter un enfrontamento directo cunha España cada vez máis debilitada en todas as frontes e que non ven posíbel mudar.

Ao meu parecer as dúas posturas son racionais e igual de válidas moralmente. Non ocultei nunca que eu non creo que España se poida reformar pero acepto que parte do independentismo iso o vexa posíbel. O que lamento é a incapacidade de escoitar o outro, os insultos e as descualificacións, que non axudan para nada ao proxecto común.

Comentarios