Opinión

Despropósito

A cousa vai a máis. Na pasada quinta feira dúas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya complicaron aínda máis, se era posíbel, o escenario electoral. 

A primeira decisión consiste en manter provisionalmente as eleccións catalás na convocatoria inicial do 14 de febreiro. Lembrade que todos os partidos políticos excepto o PSOE estaban de acordo en pasalas ao 30 de maio. O máis gordo de todo é que afirman que se dan de tempo até o día 8 de febreiro para tomar a decisión definitiva. Iso significa, nin máis nin menos, que a campaña electoral empezará o 29 de xaneiro e podería pasar que se cancele días despois. 

O Tribunal non dá ningunha explicación sobre a razón pola cal non pode tomar unha decisión máis rápida. Aínda queda unha semana longa antes de que empecen as eleccións e á vista das complicacións burocráticas, organizativas e económicas que a incerteza sobre o día crea, parecería lóxico que o tribunal tomase unha decisión, nun sentido ou noutro, pero antes de que as cousas se compliquen máis aínda. A lóxica destes señores, con todo, escápasenos.

A unha semana das eleccións, parecería lóxico que o tribunal tomase unha decisión

Até o punto que ademais, o mesmo día, noutra decisión polémica o TSJC decidiu inhabilitar o conseller Bernat Solé, de Esquerra Republicana, que é precisamente o encargado de organizar administrativamente as eleccións. É verdade que este seguirá no cargo até que a decisión sexa definitiva, despois dos recursos, pero por exemplo xa non está nada claro que poida ser candidato e era o número dous por Lleida.

Inhabilitouno pola súa participación no referendum de autodeterminación do Primeiro de outubro, cando era alcalde de Agramunt. Unhas simples declaracións dun par de persoas nunha revista local foron argumento suficiente para tomar unha decisión así de grave.

Hai que lembrar, para acabar de debuxar o despropósito, que a realización dun referendum non só é legal senón que está explicitamente despenalizada.

Comentarios