Opinión

Cousas que pode facerlle un andaluz a Catalunya

O presidente andaluz Juanma Moreno ocasionou un pequeno terremoto político-económico esta semana. Moreno, que din que forma parte do grupo moderado do PP, eliminou os impostos de sucesión e de patrimonio en Andalucía e atreveuse a pedir aos cataláns, especialmente aos empresarios, que se vaian a Andalucía a vivir. Mesmo se anunciou a apertura dunha delegación do goberno andaluz en Barcelona que terá por obxectivo conseguir que cidadáns de aquí se empadroen ou vaian vivir alá, que non acaba de estar claro do todo o que buscan.

Imaxinádevos, María e Martxelo que ao goberno catalán se lle ocorrese facer algunha cousa parecida. Ou que o goberno vasco abrise unha delegación en Madrid abertamente deseñada para incitar aos madrileños a fuxir cara a Euskalherria e deixar os seus diñeiros alí. Seguro que o escándalo seria monumental.

Sendo o segundo territorio que máis recursos achega, Catalunya convértese no décimo cuarto en recursos recibidos, os famosos 20.000 millóns que nos rouban cada ano

Evidentemente a decisión de Moreno está influenciada pola batalla política española e neste sentido o anticatalanismo sempre vende. E a demagoxia. Porque non deixa de ser un contrasentido pouco explicábel que Andalucía tome unha decisión que lle significará deixar de ingresar 359 millóns de euros anuais cando cada ano necesitan recursos adicionais do estado para poder subsistir.

A comparativa, neste sentido, non pode ser máis ferinte. Catalunya é o segundo territorio que achega máis recursos ao estado -o primeiro é Madrid pero xa sabedes que conta a parte polos recursos de capitalidade-. Pero sendo o segundo territorio que achega máis recursos Catalunya convértese no décimo cuarto en recursos recibidos -os famosos 20.000 millóns de euros que nos rouban cada ano-. E en cambio Andalucía, que ocupa o número trece entre as autonomías polos recursos achegados polo estado, ocupa o décimo posto á hora de recibir. Grazas ao diñeiro que Madrid drena principalmente desde Catalunya e o País Valenciano.

Pero aínda así, Juanma Moreno permítese dicir o que di e facer o que fai.

Comentarios