Opinión

Ciudadanos

Non estou seguro, pero penso que debe haber moi poucos exemplos no mundo, se é que hai algún, dunha montaña rusa política semellante á de Ciudadanos.

En decembro de 2017 este partido, fabricado a golpe de márketing, gañaba as eleccións ao parlamento de Catalunya, cambiando o seu perfil, até entón de partido minoritario. En abril de 2019, após unha operación para catapultalo en España, situábase na terceira posición no parlamento español, conseguindo 57 deputadas e, polo tanto, moi preto dos 66 que obtiña o PP. E aínda intentaba unha terceira fronte lanzando a bombo e prato Manuel Valls como a súa grande aposta para gañar as eleccións municipais en Barcelona. Iso á parte de que na Europa se integraba no grupo liberal Renew Europe (onde por certo segue a estar aínda EAJ-PNV) co cal Albert Rivera pasaba a falar de ti a ti con Macron. Chegouse a falar -teño o recorte de prensa sobre a mesa mentres escribo isto- do cambio histórico que a súa presidencia ía significar para o Estado español, da “definitiva normalización europea” que ía supor a entrada de Ciudadanos na Moncloa e cualificouse de “revolta nova e urbana” a súa meteórica traxectoria. Xa sabedes, María e Martxelo, que a literatura aguántao todo. Ou case. 

Introduciron na política o odio e a violencia cos seus cachorros nocturnos. Que desaparezan é, simplemente, unha boa nova para todos

Ou case. Porque a realidade non pode ser máis dura hoxe. Ciudadanos é un partido en extinción. Albert Rivera dedícase a dar clases de liderado, apartado da política (eu non me apuntaría). E os poucos cargos electos que lles quedan xa corren a apuntarse a outros partidos ou procurarse solucións persoais, para seguir vivindo da política.

O panorama que estamos vivindo faime feliz, non o negarei. Ciudadanos naceu en Catalunya como partido nacionalista español, opción razoábel. Mais introduciu na política o odio e a violencia verbal, física cos seus cachorros nocturnos. E iso non ten nin terá xamais perdón. Son mala xente e que desaparezan é, simplemente, unha boa nova para todos. 

Comentarios