Opinión

Cinco anos

Apasada terza feira tivo lugar no Tribunal de Xustiza da Unión Europea, en Luxemburgo, unha vista sobre a extradición do conseller Lluís Puig, negada por Bélxica. España protestou pola decisión belga presentando unha pregunta prexudicial cuxa resposta pode ser dunha grande importancia como precedente en toda Europa.

O tribunal xa anunciou que o avogado xeral presentará unhas primeiras conclusións o 14 de xullo e a decisión definitiva coñecerase unhas semanas despois -normalmente o que anuncia o avogado xeral xa adoita indicar cal será a decisión definitiva-.

O TXUE é a cúpula do poder xudicial europeo pero tamén do español e a vista é particularmente relevante porque pode dar un xiro completo á situación en Catalunya. Haberá que esperar a ver a decisión porque precisamente debido a que estamos ante un tribunal realmente independente non vale de nada especular. A vista, como era de esperar, foi durísima e dun nivel xurídico impresionante. Todas as partes foron cuestionades con dureza polos quince xuíces que integraban a impresionante sala.

Pero sexa cal sexa o veredicto final, chegar até aquí xa representa unha gran vitoria para o movemento independentista catalán e para o exilio. Porque foron cinco anos de ir poñendo peza sobre peza coa vista fixada en chegar ao momento onde reside o poder real e cuestionar alí a actuación do estado español e a represión desencadeada tras o referendo de autodeterminación.

Todo o que vivimos estes anos pois, especialmente o relacionado co exilio, todas as detencións, a prisión do presidente Puigdemont en Alemaña e Italia, a batalla das euroordes, a batalla polo parlamento europeo, todo era un camiño que conducía á vista da pasada terza feira e a todo o que esta vista, tamén sexa cal sexa o resultado, significa. Foron cinco anos de traballo, cinco anos de loita.

Comentarios