Opinión

A Catalunya oficial e a Catalunya real

Nos tempos da transición posfranquista falábase constantemente da oposición entre unha España oficial e unha real. Os conceptos eran abusivos, como o é a utilización que agora farei sobre os mesmos, mirando o caso catalán. Pero hai que recoñecer, María, Martxelo, que a imaxe é gráfica como moi poucas. E que se entende moi ben o que querían dicir.

Por iso a utilizarei esta semana que volvemos escribirnos e na que nos atopamos, como explica María, por primeira vez os tres aquí no meu país.

Agora hai unha semana os cataláns viviamos a Diada e a pasada cuarta feira a reunión da chamada Mesa de Negociación. E a verdade é que custaba non pensar de novo nos termos da transición: nun lado a Catalunya real e no outro a Catalunya oficial.  

Os políticos cataláns aproveitaron este ano e medio para rebaixar até deixar irrecoñecíbeis as demandas do movemento independentista 

O sábado a manifestación foi extraordinaria. Non só polas 400.000 persoas que saíron á rúa aínda coa pandemia coleando, mais sobre todo polo ambiente. Os políticos cataláns aproveitaron este ano e medio para rebaixar até deixar irrecoñecíbeis as demandas do movemento independentista catalán. Mais á primeira que a rúa puido volver o intento quedou reducido a cinsas. A independencia, a necesidade de conseguila agora, foi o centro da marcha.

E era significativo observar como a chamada mesa de diálogo, o  referendo ou a amnistía, os proxectos estrela actualmente da clase política catalá, non tiñan ningunha presenza entre aquela masa de xente que volvía ocupar as rúas. Nin pancartas nin berros nin tan sequera en contra, nunha manifestación onde os partidos políticos se esconderon da xente, de maneira literal, e onde a ANC volveu demostrar a súa gran capacidade de convocatoria.

O contraste chegou na cuarta feira. A reunión no Palau da Generalitat de Pedro Sánchez e Pere Aragonès foi promocionada e enxalzada nos medios moi por enriba do que en realidade foi. E dos seus resultados. 

Comentarios