Opinión

Borràs

Oxuízo á presidenta do Parlament de Catalunya, Laura Borràs, ocupou esta semana páxinas e máis páxinas na prensa catalá. Todos escribimos sobre o xuízo que acabou esta cuarta feira coa súa alegación final de defensa.

Agora o tribunal ditará sentenza e hai que esperar a ela, pero a sensación é que será dura. O fiscal pide seis anos de prisión e unha inhabilitación que, de feito, sería para sempre. Todo o mundo dá por sentado que a condena será dura e comportará o final da vida política, institucional, da líder de Junts, con todo o que iso pode comportar.

As xornadas do xuízo foron longas, presentando dous relatos que son verdade. Por unha banda as probas incriminatorias cara a Borràs sostivéronse con testemuños de peso. Por outro, a irregularidade da investigación prospectiva contra ela, os erros na custodia policial da probas, o pacto da fiscalía cos que até hai catro días eran os seus compañeiros de causa e a repetición machacona nos medios de informacións falsas demostraron tamén que estamos ante un caso de lawfare: tíñana que apartar da vida pública por razóns políticas e iso fíxose.

A situación, por tanto, é complexa. En xeral, a percepción que creo que calou na vida pública é que houbo irregularidades de xestión no período en que ela dirixiu a Institució de les Lletres Catalanes, pero que son irregularidades que cometen todas as institucións e practicamente todos os políticos. Se ela non fose quen é este xuízo non existiría ou a causa solucionaríase cunha simple sanción administrativa. Pero é quen é.

Agora hai que esperar a sentenza, que tardará unhas semanas, e despois ver que pasa con ela e con Junts. A perspectiva de entrar ao cárcere, se se dese o caso, é moi afastada aínda pero as consecuencias políticas da súa inhabilitación non. 

Veremos, por tanto, se segue sendo presidenta de Junts. Do parlamento, deixará de sela e de feito esta semana Junts xa facía circular nomes de posíbeis substitutas. E máis aló, aínda, todos esperamos que a batalla entre sectores do partido de Puigdemont se agudice. As boas expectativas de Xavier Trias en Barcelona están a propiciar un mal disimulado retorno a Convergència i Unió por parte da dirección do partido. Pero aguantarán isto as súas bases?

Comentarios