Opinión

Barcelona

En Barcelona chegamos ao final da campaña electoral, Martxelo e María, cunha situación tan empatada que me parece que só se resolverá no último minuto da noite electoral.

É unha situación sorprendente. Segundo as enquisas, hai tres candidatos empatados na cabeza. Xavier Trias, de Junts; Jaume Collboni, do PSC e Ada Colau, a actual alcaldesa e candidata dos Comúns. Os tres poderían empatar en número de concelleiros e por tanto a alcaldía disputaríase aos puntos, segundo quen obteña un puñado de votos de máis.barcelona

Tanta igualdade ten unha consecuencia engadida que é que poderia ser que o gañador das eleccións obteña só dez concelleiros, do total de 41. Antes era impensábel que un candidato a alcalde non estivese no límite dos 21 que marcan a maioría absoluta e agora con dez podes asegurar a Alcaldía.

Ada Colau rompeu outra tradición barcelonesa, aquela que consistía en que ninguén tentaba roubarlle a Alcaldía ao candidato que recibira máis votos

É un cambio moi notábel que ten grandes efectos políticos. Esta campaña, por exemplo, vimos como Ada Colau só se preocupaba de manter unido e tenso o seu propio electorado, sen tentar en ningún momento obter o voto dos outros. Cousa que explica que gobernase estes anos só para os seus, levantando unha oposición masiva na cidade que, con todo, no medio de tanta atomización, podería non evitar que fose reelixida por terceira vez.

Contando, ademais, con que ela rompeu outra tradición barcelonesa, aquela que consistía en que ninguén tentaba roubarlle a Alcaldía ao candidato que recibira máis votos. Lembraredes que hai catro anos gañou ERC, con Ernest Maragall de candidato, pero Colau pactou cos socialistas e a extrema dereita para desbancalo e quedar ela coa cadeira de brazos.

Esta vez Maragall repite como candidato, pero as enquisas déixano un pouco afastado do trío de cabeza. Talvez porque pouca xente entende que roubándolle a Alcaldía, Esquerra pasou toda a lexislatura apoiando a Ada Colau e formando un tripartito de feito cos socialistas e Barcelona en Comú.

No noso país a noite electoral terá o foco principal posto nas eleccións ás Cortes Valencianas e ao Parlamento balear, onde parece que os gobernos de progreso teñen garantida a súa continuidade aínda contando co ascenso do PP e Vox. Pero Barcelona será a batalla máis espectacular da noite. Sen dúbida.

Comentarios