Opinión

Atlántico? Mediterráneo? Madrid!

Oanuncio dunha nova chuvia de millóns para construír un corredor ferroviario do Atlántico que non pasa polo Atlántico pero si por Madrid volveu crear polémica. Tal e como vén pasando desde hai anos co corredor Mediterráneo, Madrid volveu alterar a proposta dun corredor europeo para centralizar máis aínda as infraestruturas de transporte do Estado.

A cousa é máis cómica aínda que no caso do chamado corredor Mediterráneo. Porque o corredor Atlántico, máis aló de Bilbao, xa non pasa por ningunha cidade atlántica. Chegando ao colmo de non tocar para nada a Galiza (supoño que debe haber polémica con isto no teu país, María) e de non conectar a Galiza con Portugal, malia ser a reclamación máis clara a ambos os dous lados da fronteira. Por Madrid si que pasará o corredor Atlántico pero non circulará entre Vigo e Porto.

Moita xente sorpréndese de como se poden facer cousas coma esta, pero a min sempre me gusta remarcar que hai unha razón xeopolítica para este modelo radial de Estado que nos veñen propoñendo desde Madrid desde hai xa décadas. E é a situación xeográfica de Madrid e a vontade, moito máis que ambiciosa, de cambiar a realidade física.

Como os Austrias querían a capital onde tiñan o coto de caza crearon Madrid. desde entón, a historia de España vai de como inflala artificialmente

O actual Estado español é un altiplano deserto, nas marxe do cal se despregan pequenas áreas litorais, basicamente os Países Cataláns ou Euskal Herria -Galiza ten toda unha outra consistencia-. A lóxica histórica tería feito de Sevilla, e non de Madrid, a capital de España. Porque existe por ela mesma pero sobre todo pola súa capacidade de comunicación -o Guadalquivir é unha vía real de comercio e transporte e o Jarama, non-. Pero como os Austrias querían ter a capital onde tiñan o seu coto de caza crearon Madrid. E desde entón toda a historia de España vai de como inflala artificialmente. Porque como está no medio do deserto -non hai ningunha outra cidade grande na meseta e a zona norte é a segunda máis despoboada da UE por detrás de Laponia- a súa única capacidade económica deriva de ser a capital e concentrar alí de maneira artificial recursos que noutros estados repártense.

A estrutura radial do ferrocarril é, neste sentido, un intento máis de soster artificialmente a cidade de Madrid. Nin o primeiro nin o último -lembrade que no 2000 querían ser Miami e como fracasaron- pero como non teñen vergonza pasa o que pasa. Por exemplo, que o corredor Atlántico non pase polo Atlántico...

Comentarios