Opinión

Asemblea

O domingo pasado constituíuse en Canet de Rosselló a Asemblea de Representantes do Consell per la República Catalá. Trátase dun parlamento de 121 membros escollidos nas elección que tiveron lugar a finais do mes pasado. Os electos escolleron á concelleira da CUP Ona Curto como presidenta da Asemblea, acompañada como vicepresidentas de María Costa, alcaldesa de Banys de Arles, na Catalunya norte, e de Jorde Pesarrodona, un dos represaliados máis coñecidos do Primeiro de Outubro, ex concelleiro de ERC e membro agora da formación Independentistes d’Esquerres.

A partir de aquí a Asemblea ten como función aprobar o seu propio regulamento e despois escoller o presidente do Consell, cargo que agora ostenta Carles Puigdemont.

 “O principal cambio é o de separar completamente a xestión autonómica da construción do novo estado”

Máis aló dos detalles concretos, no entanto, creo que aos lectores galegos e vascos pódelles interesar o feito de que este é un proceso de institucionalización da república, con institucións provisionais e a partir da lexitimidade da declaración da independencia de 2017. E os cambios teóricos que isto implica.

O principal é o de separar completamente a xestión autonómica da construción do novo estado. Porque amosouse que son incompatíbeis. A idea é organizar a minoría nacional catalá a partir dun censo nacional, cuxos membros dótanse de institucións democráticas de goberno para reclamar así o dereito de autodeterminación en base aos dereitos contemplados nos tratados europeos e na lei internacional, non xa a partir da lexislación intenta española.

O talón de Aquiles deste interesantísimo e innovador modelo é o número de membros deste censo. No momento no que escribo este artigo son 101.652, unha cantidade significativa pero moi afastada dos 2.286-.217 participantes no referendo de autodeterminación de 2017. A concepción mesma do proxecto e o boicot partidista non axudaron até agora. Veremos se a posta en marcha da asemblea muda esta dinámica.

Comentarios