Opinión

As mentiras do PSOE

Asemana foi movida por aquí, Martxelo e María. Se a semana pasada quedaba claro que a inmersión non estaba blindada, esta semana Esquerra Republicana tivo que tragar outro sapo ao reparar en que o Goberno español volveu a enganalos e a famosa blindaxe da presenza das nosas tres linguas en Netflix era tamén mentira. ERC púxose feita unha furia pero na realidade pouco pode facer xa. Eles puxérono como condición para permitir que o orzamento español pasara a primeira e máis difícil barreira, prometéronllo, Esquerra deu os votos e agora que xa non os precisan va e resulta que todo era mentira. 

Desde a distancia que dan os anos a polémica sobre as mentiras do PSOE apareceu esta semana tamén no País Valencià, da man de Pere Mayor. Mayor foi un dos fundadores da Unitat del Poble Valencià, o primeiro partido nacionalista parlamentario, que el dirixiu durante décadas. Pero esta semana deuse de baixa da formación, rebautizada agora como MésCompromís. E fíxoo explicando que o nacionalismo valenciano non pode estar gobernando ao lado do PSOE e formulando que Compromís debería abandonar o goberno valenciano, dándolle o seu apoio desde fóra pero non sendo parte, o que rematará sendo cómplice e tapando as mentiras e deslealdades continuas do PSOE. 

Mayor expresábao así nunha entrevista a VilaWeb realizada horas despois de facerse pública a súa decisión: “Se tivera que facer un balance da miña vida política diría que o partido que máis veces me enganou é o PSOE”. E ollo que Mayor foi secretario xeral da UPV en 1986, así que non é precisamente un novato que coñecera pouco mundo. 

Ao PSOE dálle todo igual, claro. Leva enganando desde o congreso de Suresnes como mínimo. Pero ás veces a súa actitude parece un pouco demasiado prepotente. Porque agora é practicamente imposíbel que poida gobernar sen o apoio, o a aquiescencia como mínimo, dos partidos soberanistas. E supoño que o saben. 

Comentarios