Opinión

Adeus á inmersión

Esta semana, finalmente, aprobouse a nova lei do Parlament de Catalunya sobre o uso e aprendizaxe das linguas oficiais no ensino non universitario. Tal e como estaba previsto ERC e Junts uniron os seus votos co PSC e os comúns, mentres a CUP votou en contra. Anecdoticamente o deputado de Junts que negociou o proxecto acabou por absterse, presionado, segundo dixo, pola folga de fame dun activista pola lingua que durou case dúas semanas.

A nova lei ten un consenso político amplo pero nada máis que iso. Os sindicatos e as asociacións culturais e de defensa da lingua opuxéronse á mesma, coa única excepción de Òmnium. A aprobación da lei, por ela mesma, xa é grave, mais se agrava aínda máis á vista desta desconexión entre a clase política e os activistas.

A aprobación da lei significa basicamente a fin da inmersión lingüística xa que se estabelece que o español tamén debe usarse nas escolas catalás como "lingua de aprendizaxe ou vehicular". É certo que a inmersión lingüística en boa parte de Catalunya era unha entelequia que non se cumpría nas escolas pero nunca antes, en máis dun século de existencia, o catalanismo dera un paso como este, aceptando a "naturalidade" da lingua española no país.

Fixérono, é a impresión que todos temos, para esquivar a posíbel inhabilitación xudicial do conselleiro de Ensinanza ou do propio president. Baixo coerción xudicial, pois. Pero isto non significa que o paso dado agora non sexa alarmante e deprimente. Había outras opcións e posibilidades que o goberno bipartito non quixo escoitar.

En medio de todo iso Gabriel Rufián saíu en TV3 cualificando de "tarado" o president Puigdemont por ter proclamado a independencia en 2017, cousa que, como podedes supor, Martxelo e María, organizou un escándalo monumental. O mesmo Rufián, por certo, que en novembro de 2012 sacaba peito dicindo que el en persoa blindara en Madrid a inmersión lingüística...

Comentarios