Opinión

A súa república

De feito, Martxelo, as cousas pasaron efectivamente así, despois do pacto de San Sebastián, en que participaron forzas soberanistas dos nosos tres países.

Hoxe cando vemos fotografías dos membros do goberno catalán en prisión custa non lembrar que esas mesmas imaxes teñen un precedente na segunda república española, onde o goberno catalán foi posto entre reixas, tamén.

Hai tempo que no meu país hai unha certa revisión da mirada tan condescendente que se tivo xeralmente coa república de 1931. Supoño que aos que vivimos o franquismo quédanos a sensación de que a república era o paraíso, porque foi nalgúns aspectos que non se poden desprezar pero, sobre todo, porque era a antítese do franquismo. 

Mais foi así en todo? Pois non. O anticatalanismo estaba ben vivo e a república española era ben española. E de entre todos os episodios lamentábeis daqueles anos destaco un: o boicot á invasión de Mallorca polas forzas da Generalitat. Porque é moi sintomático.

Supoño que aos que vivimos o franquismo quédanos a sensación de que a república era o paraíso, sobre todo, porque era a antítese do franquismo

Cando Mallorca caeu en mans fascistas, ao comezo da guerra, a Generalitat decidiu enviar unha expedición para reconquistala. A expedición desembarcou na illa e loitou até que foi obrigada a retirarse polo boicot activo do goberno da república que preferiu unha Mallorca fascista a unha Mallorca separatista. Co resultado que se podía esperar xa que os italianos converteron a illa nun xigantesco portaavións desde onde atacaron unha e outra vez tanto o Principado como o País Valenciano. Seguramente a guerra tería sido diferente con Mallorca do bando republicano. Pero á república española importoulle máis o nacionalismo español que a defensa propia. 

Pasaron moitos anos, pero a lección, máis aínda agora despois de todo o que estamos a ver, é moi clara: se a república é sobre un cambio de réxime da nación española a manobra servirá de ben pouco. As repúblicas que sexan as nosas ou seguiremos, máis ou menos, igual. 

Comentarios