Opinión

A súa constitución

Cada ano o mesmo. O día que os españois celebran a súa constitución, como se fose un ritual, volven sacar o tema da reforma. Non sei a vós, Martxelo e María, pero a min este é un dos debates que me aburren de maneira máis evidente. Ás veces nin leo o que din.
Para que, se é só cháchara? A actual constitución española foi deseñada seguindo o molde do franquismo e por tanto para non ser reformábel. Para conseguilo faría falta o acordo de dúas terceiras partes do congreso, novas eleccións e o acordo de dúas terceiras partes máis por segunda vez. Máis difícil imposíbel. E máis aínda se entre as cousas que se pretendesen tocar houbese a definición nacional dos nosos pobos ou calquera cousa que se parecese de forma remota.

É verdade que a constitución foi reformada xa algunhas veces saltándose estes obstáculos. Esta semana xubilouse a chanceler alemá Angela Merkel e ela, coa súa autoridade indiscutida polo gran poder español, conseguiuno. Soa. Sen acordo das dúas terceiras partes nin eleccións nin segunda rolda nin nada de nada. Pero todos sabemos por que e como.

O paradoxo é que a constitución española é cada vez máis vella e anquilosada e conforme máis vella se fai, menos queren rexuvenecela. Agora, este ano, véselles preocupados por se lle toca reinar a algunha neta de Juan Carlos -por exemplo se alguén demostra que o seu pai, como toda a familia, é un corrupto- pero non pode porque o texto só contempla homes coroados.

Por iso no fondo a min xa me está ben que se fechen en banda a todo. Porque conforme máis se fechen neles mesmos, máis grande será a crise que estalará en calquera momento. Non é, por tanto, que me preocupe. Máis ben sinto curiosidade intelectual por ver como un país, España neste caso, pode ir afundíndose sen reaccionar e por como reaccionará, supoño que como sempre no último momento. E fágoo cunha mirada como entomolóxica. Sobrepoñéndome, iso si, ao aburrimento.

Comentarios