Opinión

A sentenza Trapero

Non creo que sexa necesario lembrar, menos aínda aquí Martxelo, que a Audiencia Nacional española é un tribunal de excepción de tenebroso percorrido. Ou que a xustiza española nos ten afeitos, estes días estás a vivilo intensamente no teu país María, a decisións e procedementos claramente políticos. Iso vai por diante. Pero a sentenza que se publicou esta semana pola cal se absolve de todos os delitos o Major dos Mossos d'Esquadra e parte da cúpula do corpo pola súa actitude durante o referendum de autodeterminación é importante.

A sentenza trata de mentireira a Garda Civil. Afirma que a acusación non se corresponde cos feitos

É importante porque de feito é unha especie de contrasentenza ao chamado xuízo do procés, unha auténtica bomba dentro do deep state que terá consecuencias importantes en Europa, cando a xustiza europea repase, e previsibelmente tombe, todo o que o Tribunal Supremo fixo.

Así a sentenza trata de mentireira a Garda Civil pola súa investigación. Afirma que os tres feitos en que se sustentaba a acusación “non se corresponden coa realidade”. Da mesma maneira alá onde a sentenza do Supremo ve “masas tumultosas” que tentan tomar o poder a Audiencia ve manifestacións políticas lexítimas. E onde o Supremo ve unha grave actuación dos Mossos porque non defenden a golpes o estado a Audiencia ve unha aplicación democrática e coherente dos principios da propia policía, criticando con dureza o uso excesivo da violencia contra a cidadanía, que levaron a cabo a Garda Civil e a policía española. E evidentemente non hai sedición, nin rebelión nin nada que se lle pareza.

Esta sentenza, pois, acurrala desde dentro de España tamén o Supremo, despois de que os tribunais europeos o fixeran xa con contundencia e de maneira persistente. O deep state decidiu en 2017 que todo valía con tal de frear o proceso de independencia —de feito Rubalcaba explicitouno dicindo que “o Estado pagaría o prezo que fose necesario”. Parece que o empezan a pagar en serio. 

Comentarios