Opinión

Unha reflexión sobre o antipiñeirismo

En 1978 ou 1979 pregunteille a Manuel María, nun par de ocasións, unha delas en presenza de Bautista Álvarez, que pensaba de Ramón Piñeiro e do piñeirismo. A súa resposta foi: “Non ten nada que ver con nós”.

Esperaba unha explicación máis extensa pero non a houbo, ningunha das dúas veces. Manuel María era desas persoas que, cando se refiren a cousas serias, din o que queren dicir, nin unha palabra de máis nin de menos.

Non escoitei descualificacións de Ramón Piñeiro naquel ambiente, naquela época. Simplemente, cando se falaba das orixes, dicíase que nós, os do Bloque e a UPG, viñamos, máis ou menos, de Brais Pinto. O da “mesa camilla” era outra cousa. O que facía Manuel María era unha fría, pero tamén respectuosa, separación de augas.

Até pasados uns anos, non escoitei un discurso plenamente político, amplo e articulado contra o piñeirismo, causante, segundo esa tese, de boa parte dos males que lle afectaban o nacionalismo

Até pasados uns anos, non escoitei un discurso plenamente político, amplo e articulado contra o piñeirismo, causante, segundo esa tese, de boa parte dos males que lle afectaban o nacionalismo. Ese discurso pronunciouno Méndez Ferrín nunha das Semanas de Filosofía de Pontevedra, penso que en 1986, cito de memoria. Daquela pareceume o desenvolvemento lóxico dunha postura que, de modo literario, o mesmo autor xa apuntara, entre outros lugares, nesa boa novela corta que é Retorno a Tagen Ata.

A miña sorpresa chegou anos máis tarde. Pouco a pouco, pero cada vez de forma máis acusada, a postura argumentada con detalle por Ferrín naquela Semana de Filosofía foi asumida, difundida e ampliada por persoas significadas non só do BNG, senón tamén da UPG. Alí había máis que unha divisoria de augas, había un cambio de vías. O Bloque sumábase, con entusiasmo, á postura de Ferrín, penso que sen ser moi consciente de quen fora non sei se o autor orixinal pero si desde logo o principal difusor do antipiñeirismo até aquel momento.

Non pretendo historiar o nacionalismo. Se lembro isto é polo efecto que pode ter sobre a política actual. Concordo en que Ramón Piñeiro equivocouse, de forma importante, ao non refundar o Partido Galeguista no momento no que había que facelo, cambiando tempo despois a autoorganización polo “entrismo” en forzas estatais. Aínda que supoño que non só foi culpa del. Tivo que haber outros capaces de darlle ao botón de reiniciar e que tamén serían responsábeis. Pero ben, a política é unha síntese de ramas de coñecemento máis amplas e as persoas adoitamos a entendernos a través de frases breves e consignas.

Tamén comprendo que o sucedido nos últimos anos, nomeadamente o intento de confluencia dunha parte do nacionalismo con forzas estatais, trouxo á actualidade de novo este debate. Posicionarse contra o piñeirismo volvía ter sentido para os que defendemos ese principio de autoorganización.

O que eu critico non é iso, senón o sentido global que se lle dá a unha ou varias decisións de Piñeiro. Alguén pode dicirme: Boh!, sutilezas. Non se fai política con medias tintas. Non obstante, nunha sociedade minimamente democrática e informada debe haber máis tons que o branco e o negro. Piñeiro non era Franco, pero ademais tampouco creo que o seu pensamento estivese tan configurado e fose tan profético como Ferrín quixo demostrar no seu día. Coñezo persoas que sendo adolescentes comezaron a simpatizar co galeguismo despois de escoitar na radio a Piñeiro e hoxe son do Bloque. Igual que coñezo persoas que empezaron a facerse nacionalistas nas clases de Alfredo Conde. Do mesmo modo tamén que Moncho Reboiras foi conformando o seu ideario despois, entre outras cousas, das súas paseatas co cristián e galeguista moderado Illa Couto.           

Non creo que Piñeiro fose o demo, igual que non creo que Carvalho Calero sexa Deus

Non creo que Piñeiro fose o demo, igual que non creo que Carvalho Calero sexa Deus. Froito das súas inseguridades, o nacionalismo segue ás veces –ben é verdade que bastante menos que antes– exacerbando as súas posicións. Ese extremismo verbal leva a non diferenciar os planos. Leva a crer que contra o inimigo non valen conivencias e a que hai que manter idéntica postura á hora de presentarse ás eleccións que á de participar nunha asociación cultural ou nunha institución oficial ou á hora de falar cos veciños. O país dividiríase así entre nacionalistas e non nacionalistas, entre persoas totalmente acertadas e persoas totalmente equivocadas. Un erro de comprensión grave. Certo que moitos nacionalistas, dirixentes ou non, non pensan así. Estou seguro de que hoxe a maioría non pensa de feito así. Pero quedan suficientes restos de posturas que se explican pola historia, polas carencias de certa época, pero que non se xustifican nin son útiles hoxe en día.

Era Castelao quen dicía aquilo de cómo é un cacique choras, se fose un veciño xa lle tiñas fendido o peito. Piñeiro non é da nosa casa, pero é da casa veciña.

Comentarios