Opinión

Quen nos está inoculando pesimismo?

Xeopolítica é a palabra de moda. Os medios veñen cargados de artigos pesimistas. Certo que se es pesimista probabelmente tes máis posibilidades de acertar. No mundo sempre hai desgrazas e son máis visíbeis. O optimismo asóciase con inxenuidade. Con todo, creo que hai algo intencionado nese pesimismo que nos rodea. Será que alguén non quere unha sociedade con ilusións e proxectos? Este pesimismo non será o complemento interior do fin das utopías do que nos falaron hai anos? O pesimismo como imperativo psicolóxico.

Podemos, en cambio, rebater algunhas destas ideas pesimistas a nivel global. China vén de dicir que non se deixará arrastrar a unha segunda guerra fría. Hai experiencia do que foi a anterior. Se é así, o mundo vai ser cada vez máis multipolar. O comercio é unha forza poderosa e hoxe os Estados Unidos perderon unha boa parte do peso que tiñan hai medio século. Os conflitos en Asia central frean a ruta da seda. Pero hai un punto máis importante. A Unión Europea necesita a enerxía rusa –máis próxima e barata– e Rusia sería un gran mercado para a UE. Rusia, goberno e poboación, están dispostos e con ganas de aceptar esta apertura. A UE xa viu a ocasión –pode que a única que ten de saír da súa parálise interna– pero está freada, fortemente freada, polos Estados Unidos, que seguen exercendo como os triunfadores de 1945. Até cando van conseguir os Estados Unidos manter separado o continente europeo en dúas partes? Só cunha nova guerra fría, coa reinvención do inimigo. Pero Rusia e China aprenderon algo. Os demais países tamén. Venezuela aguanta grazas a que os EE.UU. xa non son o único poder económico. Nin Bolsonaro é capaz de renunciar aos investimentos chineses.

A anterior guerra fría gañárona os EE.UU. porque a súa ideoloxía veu referendada polo comercio, polo seu poder económico. Pero xa non é así agora. Tampouco pode exercer o militar como o exercía, case sen límites. A pesar da crítica á que estamos sometendo a idea de progreso, o certo é que o mundo progresa. As cámaras, o 5G, permiten un maior control. Estados Unidos espía as conversas do presidente de Bielorrusia e pode dirixir os manifestantes que protestan case rúa a rúa, indicándolles onde se encontra a policía, grazas a unha estación de transmisión situada en Polonia. Pero, con todo, hoxe non é tan fácil cometer un xenocidio. Pódense pechar fronteiras aos medios, pero só nalgúns lugares e só durante un certo tempo.

É indubidábel que a ultradereita está crecendo. Pero é unha resposta defensiva. Perigosa si, que traerá un retroceso social inmediato, pero que ao mesmo tempo carece de futuro. Os escenarios apocalípticos só funcionan nas películas. A realidade non se pode clausurar, sempre ten fendas. Hai máis actores, máis sucesos incontrolados.

A resposta dos EE.UU. a China é comprensíbel. China deu un salto enorme na última década. Mellorou moito o nivel de vida interno e reprimiu a corrupción. A poboación está máis contenta co goberno. Até agora, a presidencia de Xi Jimping é un éxito. Se os Estados Unidos non confrontan esta realidade terán ante si non un competidor, non un modelo político diferente e con prestixio, senón unha alternativa comercial para calquera país. De existir dous ou máis polos, Sudamérica e África, incluso Europa, gañan en independencia. Os EE.UU. poden frear este desenvolvemento e aumentará a conflitividade concreta en case todas as zonas xeográficas. Crecerá a tensión a nivel internacional. Pero diso se trata, dun freo, dunha complicación na carreira.

Permítasenos ser un pouco positivistas e un pouco historicistas. Estas dúas ideas, igual que a de progreso, xa sufriron bastantes críticas. A auga seguirá correndo baixo a ponte. A lei da gravidade seguirá existindo. E hoxe a corrente fundamental é a do crecemento de amplas zonas do mundo, antes subdesenvolvidas, e que piden máis poder político. O mundo, se cadra non o de mañá, pero si o de pasado, será máis plural. Non nos deixemos arrastrar polo presentismo que, este si, é unha lacra para os analistas políticos e para os historiadores. 

Comentarios