Opinión

Por que fracasou o comunismo?

O comunismo é unha divisa desacreditada, como proba que se usase tanto contra Pablo Iglesias en España como contra o candidato da esquerda en Perú. O seu descrédito é indiscutíbel tamén entre as clases populares.

Obedece fundamentalmente a tres razóns: o autoritarismo, visíbel sobre todo a través da figura de Stalin, a falta de liberdades e o fracaso económico. O primeiro factor intentei analizalo recentemente nun libro (A parte queimada. Stalin&Robespierre. Ed. Aira). O segundo e o terceiro son se cabe máis importantes e, ao meu modo de ver, están relacionados entre si. Forman parte da esencia do que se chamou “socialismo real” nos países do leste, que difire do actual modelo chino ou vietnamita.

Aínda que o marxismo non lle deu a mesma importancia que o liberalismo ás liberdades individuais, non se pode dicir que as desprezase. O que di o marxismo é que o respecto aos dereitos humanos depende no fondo de circunstancias máis profundas.

En termos de política real poderiamos afirmar que todos os réximes de goberno respectan os dereitos individuais daqueles que están, no esencial, ao seu favor. Para que o problema deses dereitos se converta en algo importante é preciso que existan moitas persoas dispostas a rebelarse en contra do sistema e iso só chega a producirse en situacións de forte crise. A verdade é que todos os sistemas tenden a restrinxir as liberdades cando se senten inseguros e creo que non é necesario poñer exemplos porque os temos preto.

Pensemos agora en concreto no caso da Alemaña do Leste. O seu problema máis importante foi o fracaso económico. Dunha parte do muro había máis pobreza e iso era o que determinaba esencialmente que a xente saltase ao outro lado. E en que consistiu ese fracaso ou cal era a súa causa principal? A resposta hai que buscala sobre todo na menor produtividade dos traballadores nos sistemas socialistas. É algo que xa anotara Brecht en 1953, despois da revolta obreira contra a esixencia do Goberno comunista de producir un 10% máis.

O crucial era que no capitalismo, é dicir na República Federal, un debía traballar con suma dedicación se quería conseguir calquera cousa, ben fose un produto ou un ascenso profesional. O socialismo non atopara un equivalente para este estímulo, posto que as cuestións básicas estaban aseguradas e o consumo se encontraba limitado pola propia natureza do sistema. Só na fase álxida dos cambios políticos, a xente atopaba motivacións para traballar máis, como sucedera despois da guerra. Incluso cando un enxeñeiro desenvolve algo novo, dicía o dramaturgo Heiner Müller, todos o miran con malos ollos, porque iso esixe máis esforzo.

E deste problema da produtividade tamén se derivaba o recorte de liberdades artísticas e de creación. O propio Honecker xa o dixera en 1965, despois dun ataque do partido a certos escritores: “Se queremos incrementar a produtividade e con ela o noso nivel de vida, non podemos permitirnos difundir filosofías nihilistas e desesperanzadas”.

É dicir, a produtividade no socialismo ten como premisa inescusábel a existencia da fe do individuo no sistema. En cambio, en Hamburgo, na parte occidental, un traballador portuario podía ler tranquilamente unha novela policial, e incluso unha noticia de periódico, na que se mostrase a corrupción dos baixos fondos da cidade, así como a das autoridades relacionadas con eles, sen que iso lle quitase as ganas de acudir ao traballo ao día seguinte.

O estibador podía seguir sendo un escéptico nihilista, porque non traballaba por fe no modelo social, senón simplemente por levar a casa un salario –vendía a súa forza, como dixera Marx– e o feito de que, no caso alemán, ese salario fose o suficientemente alto, compensaba a súa conciencia de vivir nun sistema corrupto e conformaba nel a idea de que o capitalismo non era bo, pero era o mellor dos sistemas posíbeis.

Obviamente a comparación non daría idéntico resultado se falásemos de Latinoamérica, pero o problema da produtividade segue sendo importante. Cuba estuda abrir zonas especiais, máis alá do turismo.

Comentarios