Opinión

A orixe do pesimismo na Galiza baleira

Na Ribeira Sacra están hoxe abertos cinco hoteis de catro estrelas. Hai poucos anos sería impensábel que houbese sequera un. Un empresario emigrado, orixinario da zona, leva plantadas, desde o ano 2018, trescentas hectáreas para viño branco que pensa exportar a Alemaña, pero podería chegar pronto ás cincocentas. Outros empresarios están pensando en estabelecerse. Ademais proliferan os negocios familiares dedicados ao turismo, á produción dos chamados “produtos da terra” ou a ambas cousas. Até existe unha colección editorial “Mesopotamia”, de Chan de Pólvora, que alude ao espazo entre os dous importantes ríos, o Miño e o Sil.

Porén, non todo son boas noticias. O turismo non é sempre mirado con bos ollos. E este prexuízo abrangue persoas de todas as ideoloxías. A zona segue estando maiormente despoboada, con edificios a caer por todas partes. Pero sobre todo falta iniciativa e coordinación institucional. Entre os municipios incluídos non sempre hai colaboración. Multiplícanse as “Feiras do viño” e hai disputas por algúns servizos. A deputación de Ourense e a de Lugo compiten con cadanseu peirao de embarque, un enfronte do outro, nas ribeiras do Sil.

Como se ve, luces e sombras. Ora ben, se vostede conversa cos veciños, o que obterá probabelmente será só unha visión pesimista. É moito máis fácil oílos falar dos artificios lumínicos de Abel Caballero que das posibilidades de desenvolvemento da zona.

Para obter un xuízo cabal fagamos unha comparación. Vaiamos agora a outra comarca, a da Baixa Limia e Serra do Leboreiro, na raia seca con Portugal. Terra de grande atractivo físico, co Limia como río lendario, con vilas como Celanova de gran potencial turístico, aínda que bastante desaproveitado até agora, e un territorio concreto, o do Xurés, ao que só se lle tira partido desde a banda portuguesa.

As persoas máis atentas desta comarca ourensá miran con ollos de envexa a Ribeira Sacra. Cren que todos os cartos e iniciativas van para ela e que a reserva natural da raia en cambio está abandonada e sen explotar.

Ao observar estes dous sentimentos, lembrei aqueles versos de Calderón que nos puñan na escola: “Cuentan que un sabio un día / tan pobre y mísero estaba, / que sólo se sustentaba / de unas hierbas que cogía. / ¿Habrá otro, entre sí decía, / más pobre y triste que yo?; / y cuando el rostro volvió / halló la respuesta, viendo / que otro sabio iba cogiendo / las hierbas que él arrojó”.

Creo que a raíz desta confusión interpretativa encóntrase en ver o interior de Galiza como estábel no seu declive. Como pode ser que ince por todas partes o pesimismo e ao tempo aparezan cada día novas iniciativas emprendedoras? A Celanova chegaron, nos dous ou tres últimos anos, catrocentos venezolanos, a maioría retornados ou fillos de retornados, que están a darlle algo de pulo ao concello. Ao mesmo tempo, na provincia de Lugo, en Sarria, varias ducias de albergues dan acollida a peregrinos que chegan a diario, con non moito diñeiro, pero en gran número.

Como se ve, as comarcas certamente baleiras do interior non responden con todo a unha foto fixa. Cumpriría polo tanto relativizar eses sentimentos de abandono e saber cal é a súa orixe.

En Ourense, por exemplo, o baltarismo boicotea as iniciativas que non controla. A anemia económica da provincia é o que garante a súa supervivencia como forza política maioritaria. Poderíase dicir que o de Ourense é un cancro dentro dun corpo abandonado á intemperie.

A Xunta, que é o cerebro dese corpo, apenas ten iniciativa, coordina pouco e planifica menos. Comparado con Fraga, Feixoo case non comete erros, porque a cerna do seu goberno consiste en facer desaparecer, por inacción, a autonomía que preside.

O PP converteuse así no maior xerador de pesimismo que hai hoxe na Galiza baleira. A iniciativa provén case exclusivamente das familias ou de emigrantes, algúns deles de éxito que queren volver, pero cada vez que agroma unha desas iniciativas case sempre é vítima dunha enxurrada de desleixo institucional.

Comentarios