Opinión

Onde vas Blanco Valdés, onde vas triste de ti?

Roberto Blanco Valdés, estudoso do constitucionalismo, militante comunista na universidade, lembrado como persoa afábel por algúns dos seus compañeiros nacionalistas da época, escribe unha e outra vez na fantástica Voz de Galicia artigos que causan asombro.

Nun dos últimos clama en contra do galego, ao estilo dun locuaz e retador crego tridentino. O problema, segundo el, está no perigo de extinción que corre o castelán en Galiza. “É ben triste”, como dixo o poeta Daniel Salgado, referíndose no seu caso, pero polo mesmo motivo, a ese mago do escapismo que temos na presidencia da Xunta e que só se pronuncia con claridade en asuntos así: o castelán está en perigo en Galiza. 

Só conversei con Blanco Valdés nunha ocasión e por casualidade, na libraría Couceiro. Antes enviáralle un libro meu e el contestárame con amabilidade e elegancia. Esa primeira e única impresión, ás veces máis exacta que un coñecemento a medias, que é o que temos da maioría das persoas, mostroume un home para nada fanático, un intelectual que coñece ben os matices da realidade e que desde logo non vive na inopia ou na fantasía ultradereitista. Ademais, nótaselle que ten humor.

Algo parecido, aínda que non idéntico, sentín o día que participei nun coloquio con Pío Moa, xornalista, ex dirixente dos Grapo e franquista serodio onde os haxa. Outra persoa amábel, intelixente e con humor. Ao rematar, charlei un anaco con el e tamén saín de alí dicíndome: outro que non se cre nada. Mesmo, tirando do fío, podería chegar a Gloria Lago, boa profesora de inglés (deulle clase á miña muller e á miña filla), persoa liberal, galeguista nalgún momento da súa vida, falante do galego hoxe en día sempre que quere, aínda que moito máis coñecida pola ansiedade que padece cada vez que se pon a pensar nese leitmotiv común que ten con Blanco Valdés e co noso ubicuo presidente: a previsíbel extinción do castelán en Galiza.

A pregunta é: que pretenden estes suxeitos? Son persoas divertidas e ocorrentes. Sei ou supoño que aprecian o diñeiro. Blanco Valdés é profesor, publica libros que non pasan de todo desapercibidos en Madrid. Pio Moa logrou publicar varios best sellers, apuntalados por unha prosa áxil e a alucinación extremista, e debe ter cartos para mercar xerseis ben mellores que o que eu lle vin aquel día naquel coloquio, un blusón de la só comparábel ao que lle facía a muller de Marcelino Camacho ao seu home.
Están realmente guillados, cobran dalgún fondo trumpista ou simplemente se burlan dos seus lectores coas súas andrómenas tamaño olímpico?

Quizais todo se resolvería reconvertendo algún dos edificios da cidade da cultura nun galeguísimo Club da Comedia. Talvez o que están pedindo é aplausos. Talvez non tiveron unha infancia feliz. Ou talvez teñen un ego moi grande e encontraron no ataque ao galego o seu nicho de mercado.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios