Opinión

Non miren a pistola, miren a carteira

Hai xa moitos anos entrevistei o arxentino Eduardo Luís Duhalde, defensor dos dereitos humanos. Da conversa só lembro unha das súas frases: “Non hai peor fascista que un liberal asustado”.

Creo que o fascismo é unha cuestión temperamental, ese momento de intolerancia que temos todos e que procuramos controlar. O fascismo, para quen o practica habitualmente, ten sen embargo moito de representación. Ayuso ou Monasterio terían moito de actrices. Sospeito que cando saen do escenario se distenden e se cadra até se rin de si mesmas. Pero, en esencia, o fascismo é outra cousa. É o diñeiro cando se pon nervioso. Nese sentido coincido máis coa opinión de Duhalde.

Fixémonos no que sucede fóra da escena principal. Caixabank absorbe Bankia e a única medida que toman é pechar sucursais e aforrar traballadores. Cando a única decisión que toma unha empresa é recortar gastos significa que o asunto pinta mal. Non responsabilizo os bancos. Todo é máis complexo.

Pero é certo que non hai grandes máquinas partidarias sen bancos detrás. As frases provocadores en prime time da maioría das cadeas e os carteis filonazis en soportes caros non existirían sen importantes liñas de crédito fluíndo a favor.

Porque os propios medios mainstream son de por si, e desde hai tempo, un enorme burato negro económico que alguén paga. Os fondos de investimento como BlackRock ou Vanguard AM dominan xa no accionariado de moitos deles. Non se fagan máis preguntas sobre a estraña liña editorial de El País e da Ser.

Os mesmos fondos ou outros parecidos son propietarios xa de grandes lotes de pisos, garaxes e locais en Vigo, Santiago e Coruña, que adquiriron grazas aos prezos tirados que encontraron despois do estalido da crise. E se vostede agora pide limitar o prezo dos alugueiros non espere que proteste o dono dos pisos. Serán Abascal, Casado ou Feixoo quen o fagan por el.

No vello Hollywood existía a máxima de que para descubrir un crime había que seguir a pista da muller ou do diñeiro. Como non estamos no vello Hollywood chega con seguir a pista do diñeiro. Velaí o crime.  

Comentarios