Opinión

Non me digas cantos votan PP, dime por que

Facer política é simplificar. Se non gusta a palabra diremos que a política é o goberno do esencial, do urxente. Unha das características da Ilustración, e polo tanto do movemento que coñecemos como progreso, é o afán clasificador, o afán por enmarcar e ordenar, desde as persoas até as plantas, como fixo Buffon. O marco para comprender e a síntese para decidir. Os procesos electorais van diso. Parlamentos, partidos, cómputo de votos. E enquisas. Grandes empresas preguntándolle as persoas non polo que pensan, senón que decisión van tomar. É un trunfo das matemáticas, da socioloxía cuantitativa. Curiosamente, a prospección fundamental do capitalismo, os estudos de mercado, non se realizan só a través dos números senón que recorren tamén a outras técnicas investigadoras que considera máis completas. Os chamados grupos de discusión, por exemplo. En España, un dos seus teóricos foi Jesús Ibáñez, simpatizante do Movemento Comunista nos anos setenta.

As enquisas, a socioloxía cuantitativa, serve para saber, con máis ou menos exactitude, canta xente vai votar PP pero non nos explica, nin sequera nos dá pistas, sobre os seus motivos. Esa é a pregunta esencial. Ou por que prefire outros partidos. Teño catro veciños que votan sempre socialista. Os catro son diferentes, un case de centro, outro de esquerda, un fala galego comigo, o outro nunca. Coñecer esas raíces distintas é máis importante que o voto, poden predicilo e resulta un coñecemento imprescindíbel para quen pretenda modificalo. Igual sucede co PP. O voto ao BNG é máis homoxéneo, pero só porque é menos numeroso.

A política en Occidente escinde, aínda que só en aparencia, a política da economía. Unha das consecuencias é que para coñecer o gusto dos consumidores usa, como dicimos, métodos máis complexos que os cuantitativos. Para a política, en cambio, confórmase coa técnica, en boa medida “cega”, do número. As forzas que reivindican un cambio profundo tamén son vítimas deste marco. Quedan poucos políticos que se guíen, nalgunha medida, pola intuición, polo olfacto, calidades que só poden provir do contacto directo. Normalmente tenden a ser substituídos por asesores, técnicos ideoloxicamente polivalentes, como o famoso Iván Redondo, asesor hoxe de Sánchez.

O PP galego é un partido electoralmente sabio, pero non grazas ás empresas consultoras que contrata (ou que lle veñen impostas directamente desde Génova), senón á súa implantación sobre o terreo e á súa capilaridade. A Feixoo, como a calquera outro líder que puxese o PP, chéganlle en tempo real os matices, as mudanzas de ánimo e os descontentos dos seus votantes e incluso dunha boa parte do resto da poboación, igual que o bispo recibía de cada cura párroco información puntual do estado da alma dos seus fregueses. En función deses datos, ponse un parche na ferida ou, se non queda outra, mándaselle un aviso, enténdase: unha ameaza. Medicina preventiva pero tamén corticoides. Iván Redondo equivócase máis que Baltar. Non é só un problema de ética.

Polo tanto, desprezar a Feixoo, desprezar o PP e, aínda peor, desprezar os seus votantes, é un xesto inútil. Marx nunca infravaloraba a ninguén. Como na súa época non podía apenas desprazarse nin había ordenadores, pasaba os días na biblioteca e lía todos os xornais. As súas análises sobre a política española do momento, que lle quedaba lonxe, son aínda así moito máis precisas e orientadoras que as dos políticos e xornalistas españois contemporáneos, perdidos como andaban na verborrea e na proclama moral.

A sobrevaloración das enquisas supón unha sorte de alienación para as forzas que defenden o cambio. O feito puntual da votación, con ser importante, só coroa un proceso evolutivo, non exento de contradicións. Un proceso ideolóxico. A ideoloxía é un marco mental, pero só a entende quen é capaz de admitir que sempre está en movemento, que cambia en función do tempo e do espazo.

O outro día un veciño explicábame porque na súa vila había un alcalde do Bloque. “É que –dixo– ese fala con todos”. Eu creo que non só fala, observa.   

Comentarios