Opinión

O medo de ‘Nós Diario’ ao xornalismo

Son dos que non crían que a iniciativa de Nós Diario chegase a realizarse. Pero, o certo é que leva un ano xa na rúa, cun balance claramente positivo. Non cría na iniciativa en parte polo fracaso dos proxectos anteriores, o de Díaz Pardo hai varias décadas ou o que, moito máis tarde, intentou promover o filósofo Antón Baamonde entre outras persoas. Desde A Nosa Terra, en trinta anos, nunca nos aproximamos sequera a conseguilo. Para os que nos movemos sobre todo na área do pensamento é unha boa aprendizaxe ver como a forza da vontade e a organización poden servir para acadar os obxectivos.

O secreto principal de Nós Diario radica en substituír a fonte financeira que noutros medios fornece a publicidade polo apoio das organizacións de base, sociais e culturais, que son protagonistas das súas páxinas. O diñeiro, en vez de provir dos grandes monopolios económicos, provén do eido sindical, político e de diversos movementos que carecen de espazo suficiente ou directamente nulo noutros medios, como o ecoloxismo, o feminismo ou o reintegracionismo. A forma principal de materializar este apoio é a das subscricións.

Obviamente, isto non é todo. Vénme á cabeza unha fórmula que lle oín a Margarita Ledo hai xa moitos anos: organizador colectivo. Nós Diario é un organizador colectivo do nacionalismo, dunha parte importante do progresismo existente en Galiza e, aínda máis, das súas múltiples expresións culturais, menosprezadas case todas de forma ostensíbel polas principais cabeceiras diarias. 

Que lle falta a Nós Diario? Diría que lle falta xornalismo. Isto é información orixinal e audaz, un enfoque menos anódino das noticias. Isto podería ser o resultado en parte enganoso dun sistema baseado nas subscricións e, polo tanto, menos atento a captar lectores. Así a todo, non penso que sexa esta a causa principal. Creo que Nós Diario contou e conta cuns bos promotores, deseñadores e xestores pero ten medo dos xornalistas e do xornalismo. 

Ocorre con frecuencia por non dicir case sempre. Ocorre en todas as empresas, en maior ou menor medida. O xornalista non é un simple transmisor, tamén é un intérprete e desde o seu traballo pode poñer en cuestión, aínda que sexa en pequeno grao, a estratexia dos promotores ou donos do medio. É un terreo pantanoso no que uns e outros deben saber navegar e sobre o que non existe unha solución exacta e definitiva. 

'Nós Diario' é un espazo gañado hai un ano ao silencio e á desinformación, un espazo que hai que soster e apoiar

A solución, en todo caso, debería pivotar sobre dúas bases, o exercicio da liberdade pero tamén da lealdade ao ideario xeral do medio por parte dos xornalistas e a confianza neles por parte dos administradores. Limitar o papel dos xornalistas fai caer na monotonía e na rutina. Un bo nivel de debate é imprescindíbel nunha redacción. Un certo grao de inquietude e de desconformidade debería sobrevoar sempre un bo consello de administración. Por outra parte, ningún obxectivo xeral dos promotores dun periódico se pode cumprir sen esa calidade xornalística que o faga necesario.

Son consciente de que nesta análise falta aínda unha peza esencial, a escaseza de recursos. Encher diaria e obrigatoriamente un certo número de páxinas é un labor inxente, un esforzo enorme que só coñece quen o vive. Un medio diario é un devorador ansioso de contidos. Hai que ser consciente deste aspecto e do esgotamento que produce entre os traballadores e xestores para xulgar o labor realizado. 

E sendo certo que non pode existir un bo xornalismo profesional sen recursos suficientes, aínda así creo que os poucos recursos poden ser administrados mellor ou peor.

Existen hoxe medios practicamente autoxestionados que ofrecen bo material informativo. Cos mesmos vimbios pódense facer cestos de distintas calidades. 

Nós Diario é un espazo gañado hai un ano ao silencio e á desinformación, un espazo que hai que soster e apoiar sen dúbidas. Pero ademais dun espazo de expresión, un espazo para vivir e para sentírmonos máis galegos sen complexos cada día, tamén debe ser un lóstrego, un chispazo. O xornalismo tamén ten algo de poético, no sentido de que crea algo novo co menor número de palabras. 

Comentarios