Opinión

Manuel María, un chairego incómodo no Val de Lemos

Cando un pasa a vista por algunhas das notas biográficas sobre Manuel María recibe a impresión de que o poeta é chairego de nacemento e coruñés de adopción. Un tránsito certo, no principio e no final, pero que esquece o detalle, non menor, de que, en medio, pasou toda a súa vida laboral en Monforte. Nada menos que corenta anos, os que van de 1958 a 1998. 

Desde o punto de vista literario, iso significa que o 90% da súa obra foi escrita durante o seu período de residencia no Val de Lemos.

Pero non lle imos botar a culpa deste sutil esquecemento a ningún dos seus biógrafos, nin tampouco os seus bos amigos coruñeses. Pois, probabelmente, foi o propio Manuel María o que nunca se identificou demasiado con Monforte. A súa obra está tamén aí para dicilo. Escrita en Monforte, si, pero non demasiado inspirada nesta localidade. O seu Cancioneiro de Monforte de Lemos dá a impresión de ser o seu libro máis forzado e non se encontra, nin con moito, entre as súas obras máis valiosas.

Foi o propio Manuel María o que nunca se identificou demasiado con Monforte

O meu trato con el, ao longo de algo máis de vinte anos, en Monforte precisamente, certifica o mesmo. O propio Manuel María dicía, con algo de reproche, que Monforte nunca dera un poeta. Pode que fose verdade até tempos recentes. Pero agora o noso poeta é el. 

Sen embargo, tampouco lle podemos botar todas as culpas desa falta de identificación ao propio escritor. Un nin sequera se identifica co que quere, senón co que sente. Algo terían que ver os habitantes da cidade do Cabe. Cando menos, algúns dos que vivían e gobernaron nela, desde os seus distintos ámbitos, nas décadas dos sesenta, setenta e oitenta. 

Lembremos que despois do conflito das festas de 1979, no que el non participou, nin por activa nin por pasiva, algo que sei de boa tinta, sufriu ameazas diversas e mesmo houbo quen se puxo a pedir sinaturas solicitando o seu desterro. Foi algo puntual, pero indicativo. E houbo outras situacións, senón tan agudas, si molestas tamén para el. 

Sufriu ameazas diversas e mesmo houbo quen se puxo a pedir sinaturas solicitando o seu desterro

As que daquela se chamaban aínda “forzas vivas”, desde logo, non o querían ben. En parte, tiñan medo, e así o expresaban nos faladoiros, de que a mocidade, se contaxiase de letras galegas. Dáballes algo de medo aquel escritor de boa presenza e boa voz, culto e educado, pero tamén rebelde. 

Con todo, a Manuel María non lle gustaba falar de todo iso. Acostumaba a pasalo por alto. Limitábase a ver como transcorrían as horas na libraría Xistral, escribindo, corrixindo con coidado as grallas dos seus libros xa publicados e recibindo algunha visita, xeralmente de fóra. Despois de cear, daba un paseo de vinte minutos polo Campo da Compañía, na compaña de Saleta, o seu amor de toda a vida, sen fisuras.

De todos modos, o Monforte de hoxe non é xa, felizmente, o mesmo. Quedamos uns cantos, talvez bastantes, que o lembramos e que aprendemos moito con el. A imaxe de Manuel María na localidade tendeu, nos últimos anos, a normalizarse. Pode que, de aquí a pouco, a maioría se sinta incluso orgullosa do “seu” poeta. 

O Monforte de hoxe non é xa, felizmente, o mesmo. Quedamos uns cantos, talvez bastantes, que o lembramos e que aprendemos moito con el.

Talvez, sería necesario un estudo sociolóxico que explicase as causas do desencontro do que aquí falo. El apuntou varias veces algunhas desas razóns: en Monforte non tiña un círculo co que relacionarse. Carecía dunha “tertulia” na que participar e a rebótica da libraría Xistral non era suficiente para suplila. Tamén estaba distante dos centros de decisión, dos museos, dos lugares onde se escribía a principal prensa, se facía a radio e máis tarde a televisión. Manuel María quedáballe a contramán á maioría dos xornalistas, aínda que tamén é certo que non só por razóns xeográficas.

Por outra parte, o poeta era fiel a si mesmo, pode que incluso demasiado. Non houbo moita evolución nas súas ideas ao longo deses corenta anos lemistas. A fidelidade ao que un pensa, por suposto, é un valor positivo. Pero a permeabilidade co ambiente tamén é necesaria. Algúns definen a intelixencia precisamente como a capacidade de adaptación. Fidelidade ao que un desexa e adaptación á contorna onde vive. Velaí un dilema interesante que, probabelmente, Manuel María se formulou non poucas veces. Pero, en todo caso, acabou decantándose sempre polo primeiro, polos desexos. É o seu gran mérito, pero tamén, en parte, foi a súa limitación.

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios