Opinión

A importancia do mito de Santiago, a pesar do PP

Hai algúns días, o poeta Daniel Salgado preguntábase en twitter, non sen intención, "Que é o Xacobeo?". Vou intentar responderlle desde aquí. O mito de Santiago é, xunto coa lingua, un dos dous piares que demostran a importancia que no pasado tivemos como Reino, que aínda hoxe nos dan a coñecer no marco europeo e que, por suposto, sustentan en parte o noso presente como nación.

A importancia e o papel dos reinos de León e Asturias poden ser discutidos polos historiadores, pero tanto a existencia das peregrinacións como a dunha lingua de relevancia no medievo que chegou a utilizar un rei de Castela son aínda dúas realidades non asumidas pola historiografía española. E seguirán sendo igual de incomprensíbeis para ela en canto non se recoñeza a evidencia dun pasado reino centrado no territorio da Galiza actual.

A historia do mito e das peregrinacións comeza máis ou menos nos séculos VII e VIII e ten por suposto unha causa política relevante. Elipando, teólogo e arcebispo de Toledo, comezou a ser cuestionado polas súas boas relacións cos musulmáns. Non por casualidade a súa diocese encontrábase dentro do territorio islamizado e convivía con esa relixión que naquel momento era preponderante. Adoptou o chamado adopcionismo que non recoñecía que Xesús fose fillo natural de Deus, algo no que viña coincidir co pasado ariano e en parte co Corán.

O Papado, coa axuda do imperio carolinxio, tratou de compensar esa fenda heterodoxa coa creación dun novo polo de referencia que, tampouco por casualidade, foi situado no outro reino de importancia na época, o galaico, e a cidade escollida foi Santiago. O iluminado Beato de Liébana sería un dos seus publicistas e os monxes franceses de Cluny os encargados da intendencia. As peregrinacións xacobeas comezaron a ter relevancia non só na parte máis occidental de Europa senón que incluso durante algún tempo, e debido ao fracaso das cruzadas, chegaron a desprazar incluso a Xerusalén. Foi o momento álxido de Compostela.

O avance cristián pola actual Andalucía volvería darlle a centralidade a Toledo, mentres que Santiago e Galiza tornaban a asumir certo papel periférico, non sendo pola súa expansión cara o sur que tamén se vería cortada pola independencia de Portugal que de paso provocou a súa nova adscrición ao san Jorge inglés, como substituto do Santiago galego (ver a recente edición de "Un galego no camiño portugués" de Xosé Benito Reza).

Cousa diferente foi o Santiago Matamouros que nace xusto ao final da chamada Reconquista. A súa entidade como patrón de España dura apenas dous séculos e carecerá de importancia real máis alá do XVI, cando a figura representativa escollida pasa a ser Teresa de Ávila, a antítese dun matamouros, tanto por ser muller como por ser culta. Volvendo atrás diremos que a primeira versión do mito de Santiago dicía que fora trasladado por anxos, para despois difundirse xa a imaxe da barca de pedra. Unha historia esta común a doutras lendas atlánticas.

A verosimilitude do mito de Santiago, a pesar desa imaxe tan fantástica da barca, non é en todo caso menor que a historia duns cantos miles de xinetes árabes conquistando todo o reino visigodo en seis anos, cando aos romanos lles levara dous séculos facerse co mesmo territorio.

Tampouco está de máis lembrar que a área máis poderosa, culta e tolerante da época era a da Hispania musulmá. A falta de recoñecemento desta parte da historia é para a España actual un feito quizais máis transcendente que o conflito que mantén coas tres nacionalidades históricas do norte.

E que dicir entón hoxe do chamado Xacobeo? Pois que como operación de propaganda mal feita e niño de corruptelas debe ser criticado desde moitos ángulos e con toda a agudeza que corresponda. Pero iso non pode conducirnos ao menosprezo dun mito tan aceptado e tamén tan significativo do que foi a nosa historia propia. Un goberno nacionalista tería seguramente que reconducir a idea pero non desde logo ignorala. Se nalgúns lugares de Europa fomos chamados nun tempo Jacobusland por que deberiamos rexeitalo?

Comentarios