Opinión

Wallapop das ruínas

Viñeron cos seus zapatiños “castellanos” e chaquetas blazer. Posaron ante un roll up de dous por dous metros cunha imaxe de casa rural abandonada sobre unha pequena pista rozada para a ocasión.

O motivo de tan excelsa visita a Sober –Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e demais séquito– era presentar unha plataforma dixital na que expoñer os núcleos rurais declarados en estado de abandono.

Con grande entusiasmo, proclamaron as bondades desta especie de Wallapop das casas en ruínas, coa vontade de “reactivar” zonas despoboadas da Galiza.

Concretábase así, no verán de 2021, cunha plataforma onde se poden ver só tres inmobles, a lei de rehabilitación e rexeneración urbanas, aprobada en abril de 2019. Impresionante éxito.

 A foto de autoridades a carón de casas abandonadas é un resumo da súa concepción do interior galego: cidade de vacacións para quen poida mercar –se é quen de atopar as e os propietarios, en moitos casos-, sen preocuparse por políticas estruturais de desenvolvemento do sector agrogandeiro, de ordenación forestal e de dotación de servizos básicos.

A lei establece un canon para os inmobles en estado de abandono, para o cal se require, ademais do desenvolvemento regulamentario autonómico, a colaboración municipal, pois a declaración de inmoble en estado de abandono por parte do Instituto Galego de Vivenda e Solo farase por solicitude do Concello, cando xa fora declarado en ruína e incumprida algunha orde de execución.

Nun contexto no que os Concellos teñen dificultades para desenvolver as súas competencias en materia urbanística; nun País cunha inane política de vivenda pública; nun Concello, como o de Sober, no que non se actúa contra os inmobles en estado de abandono –até o punto de chegar a situacións de verdadeiro risco para as persoas– todo semella fume e comezar a casa polo tellado.

Menos fotos e máis solucións: precisamos vivenda accesible, servizos públicos de calidade en todo o territorio e alternativas de emprego.

Comentarios