Opinión

Too much meat

Que o goberno de coalición montara rifirrafe público polas declaracións do ministro Garzón sobre limitar o consumo de carne, acordes cos documentos estratéxicos do propio Executivo, amosa que en relación a este alimento non todo se move en termos racionais.

A carne acompañou a cultura da nosa especie dende o inicio da hominización, co carroñeo e o desenvolvemento do cerebro, mais, fronte á caricatura, lembremos que no período anterior á agricultura a recolección de vexetais representaba o 80% da dieta. Iso si, o aporte proteico da carne era esencial, como ben sabían as mulleres galegas que gardaban memoria de cando na posguerra chegaron a preparar gato asado, en ausencia doutras viandas.

Teresa Moure esmiuza amplamente en O natural é político a relación cultural entre consumo de carne e machismo, cunha das escenas máis brutais na película arxentina Carne, que romantiza a violación dunha moza sobre reses mortas.

Así, non sorprende a reacción ante a exposición dos problemas da produción industrial de carne e do seu abuso alimentario cun aquel de masculinidade ferida, adubiada con soflamas da “liberdade” entendida como satisfacción dos apetitos persoais sen importar o resto da humanidade.

Isto non exculpa a torpeza político-mediática –ou a oportunidade de querer acaparar focos–, pois quedou coma unha frustración pola imposibilidade de marcar un rumbo social forte.

Temos a obriga de reducir o consumo de enerxía e de carne per capita, pero a maioría das persoas que nos enfrontamos ao prezo da cesta da compra ou ás facturas da luz esiximos á vez dun goberno progresista máis presión sobre as grandes corporacións na loita contra o cambio climático.

O señor Ministro conseguiría máis éxito nas chamadas racionais á redución do consumo de carne se á vez cumprira co anunciado plan de cobertura universal da Saúde Bucodental, por exemplo. Nin o debate sobre a transición ecolóxica debe ser reducido a “memes” nin a xustiza social pode estar excluída da ecuación.

Comentarios