Opinión

A soberbia neocaciquil

Os contundentes informes de organismos da Unesco sobre a Ribeira Sacra que recomendan, sen medias tintas, que non se inscriba esta candidatura na lista de Patrimonio Mundial débense á soberbia neocaciquil. A construción do expediente, baseado na idea de que a delimitación da actual Denominación de Orixe –máis ou menos– é a herdeira dun suposto territorio histórico e que conserva a sacralidade e paisaxe construída dende o primeiro monaquismo era a teima da Xunta, que non aceptou cuestionamentos a esa verdade oficial.

De costas á cidadanía activa do tecido cultural e a voces expertas que advertían do desastre, delimitouse como BIC unha área a comenencia tratando de axustala aos criterios culturais da Unesco para facer pasar por orixinal unha paisaxe transformada polas obras hidráulicas do franquismo, infraestruturas que, a criterio da Xunta, non afectaran negativamente de xeito significativo os valores do territorio.

Coa soberbia neocaciquil de menosprezar as achegas feitas dende fóra da elite política da zona, quen pola mañá promoven autovías e eucaliptos e pola tarde din que "se fixeron as cousas ben" na candidatura. Discrepar do relato oficial era case un anatema e supoñía entorpecer unha candidatura que, seica, tiña todo a favor. Agora que os organismos técnicos da Unesco dan a razón ás voces discrepantes agardábase algo de autocrítica, mais semella que o obxectivo é seguir, patada cara adiante, co actual modelo de dinamización turístico-cultural.

Temos a oportunidade de recoller as preocupacións do Icomos pola falta de cálculo da capacidade de carga do turismo de masas, pola afección de proxectos de produción enerxética sobre o contorno, polas bioinvasións, os incendios ou a ameaza de perda de valores culturais en relación ao avellentamento sen alternativas económicas viables. Só cómpre apelar á esperanza e á capacidade de resistencia dos pobos ribeiraos, que impulsan proxectos económicos, sociais e científicos ás marxes da soberbia neocaciquil.

Comentarios