Opinión

Responsabilidades de Estado

O 25 de xullo de hai oito anos doía a calor do ambiente. Apagáranse os festexos e reivindicacións propias do noso día nacional. A tarde anterior, oitenta persoas quedaran sen vida na curva que a vía do tren facía na parroquia santiaguesa de Angrois. Calor, tristura, silencio. Así foi o Día da Patria de 2013. 

En seguida se amosaron dúas actitudes: a solidariedade da xente común, ateigando os puntos de doazón de sangue, e a apresurada carreira para evitar as responsabilidades políticas no accidente. A consigna inicial era desmentir que a liña se trataba dun AVE, aínda que fora vendida como tal na súa inauguración. Todo por protexer os intereses das empresas promotoras e por evitar dar contas por ter desconectado o sistema de control automático da velocidade, mecanismo que tería evitado o fatal desenlace do despiste do maquinista.

Oito anos despois, co proceso xudicial sen rematar, Angrois sigue ecoando a indignidade das estruturas do Estado e das distintas Administracións coas vítimas: oito anos sen Comisión de Investigación no Parlamento galego e sen conclusións da que se iniciou no Congreso, oito anos sen investigación independente como a Unión Europea esixe, noventa e seis meses sen que o documental Frankenstein 04155 - que contextualiza o accidente do Alvia, con entrevistas a expertas e a vítimas - se proxectase na TVG, malia ser ofrecidos os seus dereitos de emisión por un euro; case tres mil días sen que o Goberno nin o exministro e exministra responsables pediran perdón por non ter escoitado as advertencias sobre a falta de seguridade no traxecto Ourense-Santiago e por non ter avaliado os riscos ferroviarios, motivo polo que a UE abriu infracción ao Estado español.

Oito anos de ausencias irrecuperables e secuelas físicas e psíquicas.

Este ano non fixo tanta calor, mais a Plataforma de Vítimas do Alvia 04155 volveu rememorar aquela xornada, reivindicando a xustiza e reparación pendentes.

Canta dor e canta vergoña por tapar as responsabilidades de Estado!

Comentarios