venres 17/09/21

O PIB oculto

Houbo quen entendeu, dende a autoproclamada verdadeira esquerda, que a apelación aos coidados por parte do movemento feminista este ano é unha ñoñería ou que os romantizamos. Pero sen atender o sustento material da vida humana, do nacemento á morte, non hai vida, nin traballos molóns, nin revolución desa idealizada que deben ter algúns na cabeza. 

E xa que no día que escribo me toca estar de única adulta na casa, decidín pasar a factura do que debería cobrar polos meus “traballos do fogar”, sen queixarme moito, pois ata que compense o que as nais e avoas fixeron –e fan– gratuitamente por sosternos, aínda queda.

12 horas de coidado infantil a 8 euros, mais as 12 nocturnas, poñamos a 10 euros. Sumemos 5 horas de traballo xeral no fogar a 10 euros –sabendo que o salario que adoita pagarse é menor, pero non sexamos cutres, que é un dos sectores máis precarios– e uns 24 euros polo menú do día. Boa colleita: tería gañado uns 300 euros brutos. 

Ben sei que é irreal –non todo se paga con cartos–, pero repercutir no PIB o valor dos coidados, como teñen sinalado economistas feministas, ensinaríanos que son o principal sector económico de calquera país e abriríamos debates necesarios como o dos ingresos garantidos, redución de xornada laboral ou ampliación de servizos públicos e de coberturas sociais. 

Non ter en conta esta dimensión na organización dos estados do benestar supón que sigamos realizando gratis os coidados as mulleres, ou que se subcontrate en precario a mulleres pobres e migrantes, que á súa vez deixarán familias ás que coidan outras mulleres máis precarias. Non é ñoñería, é realismo.

Unha ferramenta estatística que permitiría calcular a importancia dos coidados na Galiza sería actualizar a conta satélite da produción doméstica, pois os últimos datos son de 2008, cando representaban o 50,6% do PIB, o 70,2% realizados por mulleres. 

E, se non se entende, comecemos a esixir ás administracións a facturación polos nosos servizos. Válenos en efectivo ou por transferencia.

comentarios