Opinión

Idealizar o pasado

A última polémica viral –alocución da xornalista Ana Iris Simón construída sobre a idea “teño envexa da vida dos meus pais á miña idade”– remexeu o debate. O discurso contén elementos comúns para unha maioría social abafada na precariedade: a necesidade de ter seguridade na vivenda e no emprego, condicións para desenvolver un proxecto vital. Así mesmo, é esencial para a esquerda a reivindicación de equilibrio territorial, soberanía alimentar e transferencias directas ás familias vulnerables.

Foi excesivo o ataque á xornalista, pero atopo determinadas trampas nas súas palabras, como o discurso simple sobre a migración. Mais o que me produce meirande sorpresa é a nostalxia do pasado: envexa de que tempo? Do consenso envelenado da Transición? Do modelo urbanístico do ladrillazo? Do aínda meirande peso do traballo invisibilizado das mulleres no conxunto da economía? En determinado momento Simón sinala que “o meu avó puido manter oito fillos”, ignorando as que parían e criaban sen remuneración nin tempo para elas. Porque as visións idílicas do mundo rural esquecen o traballo invisíbel das mulleres e seguimos na trampa de ignorar os coidados no conxunto da economía, tamén cando se analiza o teletraballo como opción para o rural despoboado.

Os discursos simples funcionan, mais a realidade é que a nostalxia do pasado de quen naceu en 1991 cadra coa época do abafante ambiente político do aznarismo e da xestación da burbulla inmobiliaria (“o Marina D’Or da Unión Europea”), unha das causas directas, por outra parte, do estoupido do 15-M orixinario, reivindicado pola xornalista.

Creo que existe un xordo malestar ante un futuro incerto, mais a visión idílica de tempos de antes adoita reflectir a nosa frustración por non ter alternativas ilusionantes de futuro. E o certo é que as hai. Tal é así que mesmo certa teima mediática coa idealización do “rural” leva consigo unha vontade de despolitización de movementos críticos co capitalismo que se están a organizar fóra das grandes urbes.

Comentarios