Opinión

Entroido kale borroka

O sábado, toda unha vicepresidenta do Goberno amosábase ameazada pola “violencia” que contra ela supuña un meco de Entroido coa súa foto nunha árbore de Santiago.

Enseguida recibiu solidariedade de deputadas, secretarias de Estado ou sindicatos policiais. No meu lugar chamámoslles comadres e, coma o meco, ridiculizan e quéimanse ao remate, abominación esta pola que, supoño, verían xustificado pedir investigación á Fiscalía.

Coñas á parte, o asunto amosa que non se entende un contexto cultural como o Entroido galego cando se ve neste acto un agravio. É máis: aínda que non fora en tempo carnavalesco, por moi fea que resultara, atopámonos ante unha crítica dunha representante pública á que lle pode semellar de mal gusto, pero que cae nun vitimismo esaxerado cando equipara esta entroidada con ameazas como puideran ter sido as do flipado que con munición real disparaba as fotos do Goberno –causa que foi arquivada, por certo–.

Dáme risa o choque cultural que provoca confundir unha comadre cunha ameaza; dáme rabia que este episodio se utilizase para imputar violencia ao colectivo pro dereitos trans; dáme tristura que sigamos empantanadas no debate sobre a liberdade de expresión cando o TEDH xa ten sinalado que a honra das figuras públicas ten menor grao de protección que a de calquera cidadá. O contexto do debate é o dun Estado con déficits democráticos en relación á persistencia de tipos penais e lexislación que coartan a liberdade de expresión, e non é só polo papanatas de Hasel: un sindicalista da CIG foi condenado por aldraxe a España por dicir “hai que prenderlle lume á puta bandeira”. 

A liberdade de expresión ampara tamén o que nos semella desagradable e o que resulta ameazante ao poder. Como calquera outra liberdade, ten límites, establecidos tendo en conta a protección dos máis vulnerables. Cómpre reflexionar sobre o nivel de tolerancia que podemos asumir as e os adultos: queremos unha sociedade madura ou unha “protexida” por un paternalismo de Código Penal?

Comentarios