Opinión

Mártires de Sobredo, Guillarei (1922-2013)

Aquelas e aqueles labregos daban unha lizón de dignidade e xustiza, paradigma rebelde, nunha Galiza rica, mais empobrecida por un colonialismo salvaxe. O berro popular contra aquela tiranía feudal daría unha grande escola de cadros en favor dos intereses de Clase. Moitos daqueles labregos serían dirixentes ao pouco en conflitos no medio urbano de diversa índole. 

Bon día a todas e todos os presentes. Obrigado especialmente ao Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo por me convidar a estar e falar hoxe aquí. 

É unha honra poder intervir nun emprazamento de elevada carga simbólica, coma este, no que noventa e un anos atrás caeron asasinados Cándida Rodríguez, Joaquín Estévez e Venancio González. Labregos con causa e consciencia de si. 

Naquela altura Galiza contaba cunha poboación apenas superior aos dous millóns de habitantes. Era o noso un país eminentemente agrario, mais tamén mariñeiro -ligado íntimamente co agro-, onde as clases populares vivían nunha penuria constante.

"Loitarían aquelas e aqueles solidarios fronte ao caciquismo, contra os foros, e en favor dunha representación parlamentaria galega que garantira naquel marco xurídico-político unha cobertura de seu"

Lembremos a Valentín Lamas Carvajal, quen no seu Catecismo do Labrego (Ourense, 1888) radiografiaría coma poucos aquela nosa nación, pondo énfase nas e nos traballadores do agro, indicando:

“¿Qué quere dicir labrego? 

-Home acabadiño de traballos, caste de besta de carga na que tanguen a rabear os que gobernan, ser a quen fan pagar cédula como ás persoas para tratalo coma aos cans, que leva faltriqueira no traxe por fantasía, boca na cara por burla, que anda de a rastro como as cobras, que fura na terra como as toupeiras, que traballa moito e come pouco, que á semellanza dos burros de arrieiro que levan o viño e beben a auga, procuran o trigo para comer o millo, que anda langraneando por unha peseta sen poder nunca xuntala, e que vén ser considerado polos seus semenllantes como un ninguén que a todo chamar chámanlle Xan Paisano”.

Desde finais do s. XIX nacerían no país sociedades agrarias, baseadas en relacións de mútua solidariedade e en favor do progreso das xentes do agro que daban contido e sentido ás mesmas.

Fronte a esa idea intereseira, na que se insiste, dunha Terra secularmente dócil, falta de organización e de nula sensibilidade popular pola loita en favor da xustiza social, hai que dicer que nos finais do século XIX e inicios do XX xurdirían diversas iniciativas que lograrían reunir a centos, mesmo miles, de labregos -ao igual que de mariñeiros; e de obreiros da incipiente realidade fabril- . Realidade que se acentuaría á calor da Lei de Sindicatos Agrícolas do 1906.

No 1907 nacería a denominada Solidariedade Galega; entidade cunha importante componente patriótica, ao abeiro da que se editaría, por certo, o xornal A Nosa Terra, ao pouco, cara 1916, voceiro do nacionalismo galego. Loitarían aquelas e aqueles solidarios fronte ao caciquismo, contra os foros, e en favor dunha representación parlamentaria galega que garantira naquel marco xurídico-político unha cobertura de seu, para alén dunhas coberturas sociais que non chegaban ao rural nunha sociedade especialmente elitista e con epicentro político en Madrid. A loita contra os foros, contratos que impedían o acceso á propiedade da terra por parte de quen a traballaba, durante xerazóns, centrou, sen dúbida, o axir deste movimento agrario.

No 1908 criarase o “Directorio Antiforal de Teis”, axuntando a corenta sociedades da provincia de Pontevedra de inicio, chegando a cento dúas en total ao pouco. Sería en Tomiño cando no 1909 se desenvolvería o primeiro mitin rural daquel Directorio, destacando á cabeza do mesmo 'Chinto' Crespo.

"Diversas mobilizacións populares articularíanse en favor do monte comunal e reclamando as autoridades una cobertura que non prestaban fronte aos abusos dos terratenentes, laicos ou eclesiásticos"

E naquel mesmo ano chegaría a se desenvolver a I Asemblea Agraria Galega; con máis de 50 entidades adheridas. No 1910 viría a segunda e no 1911 a terceira, ao igual que a primeira estas dúas en Monforte, con máis de 80 sociedades. A cuarta celebraríase no 1912 e a quinta no 1913, ambas en Ribadavia. Dúas máis virían, nomeadamente no 1915 en Redondela e no 1919 na Coruña. 

Onde estaba esa Galiza queda, apoucada, mansa e falta de organización?

Diversas mobilizacións populares articularíanse en favor do monte comunal e reclamando ás autoridades una cobertura que non prestaban fronte aos abusos dos terratenentes, laicos ou eclesiásticos. En Oseira no 1909 a Garda Civil cargaría contra os labregos e labregas que denunciaban os abusos aos que eran sometidos, nomeadamente os aqueles escravizantes foros. O resultado sería o asasinato de nove labregos, xunto máis de vintesete feridos. Comezaría aí un amplo ronsel que seguiría aquel mesmo patrón. Así, pois, no 1916 en Nebra acontecería outro tanto, ao igual que en Sofán no 1919...

Aquela Galiza rebelde xa tiña dado naquela altura outras organizacións e outros medios de comunicación, dado que cumpría espallar a  loita dun agrarismo imparábel. Así, no 1910 nascera Acción Gallega, liderada polo abade de Beiro, o grande axitador Basilio Álvarez; creando no 1921 'La Zarpa', xornal agrarista.

Nunha acumulación de forza, e esforzos combinados, no verán do 1922 desenvolveríase o Congreso Rexional Agrario de Tui, no que nascería a “Conferedación Rexional de Agricultores Galegos” , cuns 62.000 labregos e labregas nun inicio e máis de 400 sociedades agrarias vinculadas. Decidirían oporse ao pagamento dos foros, tentando lanzar un claro e forte desafío aos poderosos terratenentes da altura, caso da Igrexa (Católica) e a fidalguía.

Apenas catro meses após aquel Congreso Nacional Agrario, por volta de novembro do 1922, uns dous mil labregos e labregas solidarizaríanse en Sobredo, parroquia de Guillarei (Tui), cun veciño que se negaba a pagar os foros, arengando en favor da terra para quen a traballaba. Tería en fronte aquela mobilización popular ao goberno español e autoridades municipais, que mandarían á Garda Civil como forza de choque. O 28 de novembro daquel ano Cándida Rodríguez, Joaquín Estévez e Venancio González caerían asasinados, xunto a máis de dez feridos de gravidade neste lugar no que hoxe nos atopamos. 

Diría Basilio Álvarez:

Xa temos bandeira: os mortos. 
Xa temos soldados: os campesiños. 
Xa temos Patria: Galiza.
 

Aliás, o poeta Ramón Cabanillas escribiría, lembrando o acontecido na súa obra 'Da Terra Asoballada': 

Irmáns: erguede o berro; 
de amor e santidade.
Galiza é Liberdade
do traballo e o chan.

"Aquelas e aqueles labregos daban unha lizón de dignidade e xustiza, paradigma rebelde, nunha Galiza rica, mais empobrecida por un colonialismo salvaxe. O berro popular contra aquela tiranía feudal daría unha grande escola de cadros en favor dos intereses de Clase".

Aquelas e aqueles labregos daban unha lizón de dignidade e xustiza, paradigma rebelde, nunha Galiza rica, mais empobrecida por un colonialismo salvaxe. O berro popular contra aquela tiranía feudal daría unha grande escola de cadros en favor dos intereses de Clase. Moitos daqueles labregos serían dirixentes ao pouco en conflitos no medio urbano de diversa índole. E conseguiríase que no 1926, no seo da dictadura de Primo de Rivera, se suprimisen os propios foros (Lei de Redención forzosa, fronte á idea da abolición que era a propia da maior parte do movimento agrarista galego). 

Mais o problema da propiedade e da ordenación da terra na Galiza seguiría a existir.

Aqueles labregos con consciencia de Clase -patente no pendón centenario que teño tras as miñas costas hoxe, aquí en Sobredo, Guillarei, aqueles labregos dicíanse 'obreiros do agro', 'traballadores da terra'...-, serían o antecedente no pasado século XX dun vizoso movimento agrarista que durante toda a centuria seguíu a batallar en favor da terra en mancomún, fronte a ocupación de terras por parte de multinacionais, en favor da conservación e posta en valor dos montes, etcétera. Foi a antesala de movimentos como Nunca Máis, que a partir da necesaria sensibilidade a respeito do noso medio natural deu lugar a manifestacións multitudinarias, que denunciaron hai unha década a grave traxedia que supuxo a queda do petroleiro monocasco 'Prestige' -e que infelizmente non deu lugar a culpabilización legal dos responsábeis daquel desastre medioambiental...-.

Mais tamén aqueles labregos, incluídos os mártires de Sobredo, xaora, son o antecedente do pobo mobilizado en contra dos despexos ou desafiuzamentos, en favor dunha Sanidade e dun Ensino Público, das e dos estudantes detidos hai días en Vigo e de tantas xustas reclamacións nun tempo especialmente incerto, coma este no que vivimos, e no que cómpre unha elevada intelixencia militante.

Vivan os Mártires de Sobredo! 


*Palabras pronunciadas en Sobredo, Guillarei, o pasado 24 de novembro do 2013. 

Comentarios