Opinión

Corona é o virus, capitalismo é a pandemia

Xullo de 2020, Galiza pos-Covid. O cambio de paradigma que precisamos xa como sociedade, pode  avanzar se toma as rendas da Xunta un goberno de coalición de esquerdas, liderado polo proxecto colectivo do BNG e con Ana Pontón ao fronte como presidenta. Desaloxando así  á mafia caciquil e herdeira do fascismo que representa o PP, sería un bo paso para comezar. Frear en seco os recortes e privatizacións de todos os nosos servizos públicos, diversificar a nosa economía e afianzar a nosa soberanía alimentaria, enerxética e industrial, deter a destrución masiva do noso medio natural e garantir a súa conservación e xestión sostíbel; deben ser as novas metas se queremos vivir dignamente como sociedade na Galiza e como especie neste planeta.

Soan tódalas sirenas, acendese todas as alarmas. Incluso tendo en conta os importantisímos e fundamentais avances logrados en ciencia, tecnoloxía e cultura nas últimas décadas, se analizamos cunha perspectiva científica, crítica e global o noso mundo; podemos afirmar que o s.XX foi un desastre (guerras, desigualdade, destrución do medio natural) e o que levamos de s.XIX esta sendo un despropósito. E cada vez temos menos tempo. E cada vez será máis custoso reverter esta especie de carreira ao precipicio. Máis ala das ideoloxías, o método científico non nos engana. Os datos son nítidos, e as verdades deducidas por incomodas que sexan, hai que asumilas. Como especie estamos cargándonos todas as nosas fontes de recursos de xeito insubstituíble, e o sistema socio-económico imperante non é máis que unha ditadura dos millonarios. 

Maldita sexa, non falamos de algo abstracto nin futurible, falamos da nosas vidas, de tódalas vidas, aquí e agora. Vivimos nun sistema sen rumbo, depredador e explotador. Aumento das zoonoses e pandemias (Covid-19), emerxencia climática desastrosa (Galiza esta comezando a sufrir secas), destrución masiva do medio natural que nos sustenta (70% da liña costeira destruída no conxunto do estado español, os humidais gravemente afectados), desigualdade e pobreza xeneralizados, racismo, guerras e refuxiados, represión e unha desinformación manipuladora continuas. Millóns de persoas afectadas no planeta, e tamén na “gran” Europa, tamén no “gran” estado espanhol, onde non están garantidos os dereitos humanos máis básicos (dereito a vivenda, a un traballo digno, a unha información veraz, etc). Pensando globalmente e organizándonos e actuando localmente, é cando podemos mudar esta realidade, pois a forza sempre estivo e sempre estará, no conxunto do pobo traballador.

A pandemia do Covid-19 debería ser a proba definitiva do sen sentido e da fraxilidade ao que nos aboca o sistema imperante. Ben reflexado no artigo do catedrático en bioloxía e xeoloxía Ramón Varela, “Colosos con pés de barro”, para o xornal Nósdiario. É realmente repulsivo observar como de novo, os poderes fácticos volven a utilizar unha crise tan grave e tan dolorosa, para volver a montar un circo de confusión mediática e política bipartidista e españolista. Por un lado, unha dereita cada vez máis ultra fozando na esterqueira e usando dun xeito noxento a dor polos mortos como arma para arroxar. Por outro o capitalismo progre, iso si cunhas formas máis recatadas, pero igualmente xogando coma sempre a ocultar e manipular toda a información. Usando a tremenda delicadeza da situación, para intentar forzar a autocensura ante calquera crítica aos graves erros e irresponsabilidades, que se cometeron durante esta crise sanitaria e sobre todo nas décadas anteriores. Na maioría das ocasións indo da man desa dereita ultra a que tanto din enfrontar.

E así funciona este circo mediático da vergoña. Ocultando as verdadeiras causas dos problemas, sepultando as solucións efectivas aos mesmos e a súa vez tecendo unha cortina de fume permanente e usando o medo como factor de control. Esta situación sae ben reflexada no artigo do lingüista e activista político Robert Neal Baxter, “Cumpre prepararnos xa para a pós-crise”, para a revista Terra e Tempo. Non aplicar antes medidas de confinamento parcial e/ou absoluto, non limitar a mobilidade entre estados ou rexións, especialmente co foco inicial de China, e non blindar os focos detectados inmediatamente en zonas concretas de cada estado.

Foron muitos os erros cometidos nesta pandemia polos gobernos europeos, polo goberno español e polos gobernos autonómicos, todos eles gobernos ao servizo do capital por certo. Pero a irresponsabilidade máis grande foi todo o que os gobernos capitalistas fixeron e nunca fixeron nas últimas 4 décadas previas a esta pandemia. No caso do estado español toca sinalar aos sucesivos gobernos do PPSOE.

É certo que a día de hoxe é case imposible predicir onde, cando e como vai saltar un proceso epidémico por parte dun novo axente infeccioso. Pero tamén é certo que xa dende polo menos os anos 80 esta establecido solidamente un marco científico na rama medica da epidemioloxía. E que calquera estudante de medicina, bioloxía ou farmacia; estudou e estuda de xeito rutineiro que a ocorrencia de epidemias trátase dun feito científico altamente probábel, as cales de non seren controladas poden derivar en pandemias.

A ciencia tamén ten demostrado que a inmensa maioría das enfermidades máis perigosas para o ser humano son zoonoses. Enfermidades propias dos animais que poden transmitirse as persoas. O SARS (2002), a gripe A (2009-2010) e o evola (2014), foron casos de pandemias recentes causadas por zoonoses, que se puideron controlar relativamente ben. Nin sequera con avisos previos tan claros e recentes, con milleiros de mortes e millóns de contaxiados, tomaron medidas os neglixentes gobernos capitalistas ao respecto. Semella que o único que importa é ter contentos aos mercados.

Dende fai anos tense tamén demostrado que o principal factor global para a existencia dunha maior prevalencia de zoonoses e epidemias, parte da perda masiva de ecosistemas e biodiversidade (extinción de especies, rotura de equilibrios ecolóxicos), e por mor do cambio climático (derretemento do permafrost e xeos permanentes). Muitos autores científicos traballan na materia, máis recomendo revisar os artigos e vídeos explicativos de Fernando Valladares, doutor en Bioloxía e profesor de investigación no CSIC, como por exemplo, “El coronavirus nos obliga a reconsiderar la biodiversidad y su papel protector”.

Asemade. sabemos agora mellor ca nunca, que unha vez que se aparece unha epidemia as nosas únicas defensas para o seu control, son uns servizos públicos fortes e unha soberanía produtiva. Faise indispensable ter un sistema sanitario público e universal, un servizos sociais potentes e un sector de I+D+I actualizado e solvente. A sanidade e o I+D privados, coma sempre, nesta crise brillaron pola súa inutilidade e incompetencia. Fundamental termos soberanía alimentaria, enerxética e industrial, para ser capaces nós mesmo de producir os nosos alimentos, a nosa enerxía e os nosos medicamentos e material médico. Sen depender das redes comerciais globalizadas tan fráxiles e volátiles como novamente demostrou esta pandemia.

Pois ben, recapitulemos. En 2008 estalaba a crise capitalista financeira. En 2010 o goberno progre de Zapatero aplicaba recortes masivos na sanidade, no I+D+I, ensino e servizos sociais públicos. Xunto co PP de Rajoy pactaban ao mesmo tempo o rescate á banca privada, transformando débeda privada en pública. Ligado a esta infamia, aplicaban como bos servos das elites, a reforma do articulo 135 da Constitución española, impoñendo que a débeda fose o primeiro a pagar fronte a calquera outro gasto do Estado. Salvagardando así a banca privada española, a cal tiña a súa vez contraídas débedas multimillonarias coas bancas privadas alemana, inglesa, francesa, holandesa etc.

Os gobernos posteriores da dereita, do PP de Raxoy en España e de Feixóo en Galiza, foron todavía máis criminais. En base a unha corrupción sistemática e normalizada, e con perigosos vínculos históricos co narcotráfico e outras redes mafiosas, aplicaron recortes todavía máis grandes e intentaron e intentan privatizalo absolutamente todo. A nosa sanidade, os nosos servizos sociais, as nosas escolas, a nosa universidade. Incluso sendo o alumno avantaxado, Feixóo esta na vangarda do espolio e intentou privatizar os nosos servizos de emerxencias, así como as residencias de persoas maiores, aquí na Galiza.

Pero esta enorme historia de engano e roubo comezara xa décadas antes, cos gobernos de Felipe González primeiro e de José María Aznar despois. Década a década o PPSOE privatizou case tódolas empresas públicas de sectores estratéxicos. A banca pública e as caixas de aforro (Argentaria, CaixaNova, CaixaGalicia), empresas  enerxéticas (Endesa, Repsol), de comunicación (Telefónica), de transporte e mobilidade. Blindaron os centros de ensino, universidade e hospitais privados, así como todos os privilexios multimillonarios da igrexa católica e dos restos da aristocracia que aínda perduran.

En 1997 chegaron a un extremo, cando o PP de Aznar co apoio do PSOE aprobaría no congreso a ley 15/97, a xénese da privatización continua do sistema sanitario en España e en Galiza. O único partido político con representación galega no congreso que se opuxo fortemente e votou na contra desta lei sería o BNG. De feito pra quen queira revisar a hemeroteca, o BNG é unha organización política que sempre e ante todo defendeu a sanidade pública, e a que máis apoiou e apoia os servizos educativos e de I+D+I públicos e galegos. O BNG tamén defende a creación dunha banca pública galega, dunha tarifa eléctrica galega, e a erradicación dos privilexios da igrexa católica, a abolición da familia real e outros privilexios aristocráticos. Importante, o BNG é a única organización política  galega con opcións de gobernar, que non ten no seu haber a terrible mancha da corrupción.

Pero a instalación do capitalismo neoliberal corrupto e consumista, non só provocou a privatización dos nosos servizos públicos, senón tamén o arrase de gran parte do noso tecido industrial e dos nosos sectores de produción primaria e alimentarios. Ligado a todo isto, a perda masiva da sociedade rural no interior e do noso medio natural e da nosa biodiversidade, especialmente nas franxas costeiras. Así pois gran parte do tecido industrial considerado na altura pouco rendíbel, foi erradicado planificadamente e substituído por sectores económicos cortopracistas e de alto beneficio para as elites. O gran exemplo foi a burbulla especulativa da construción de plans urbanísticos e infraestruturas e o turismo de baixa calidade baseado en ocio consumista sempre asociado. O bipartidismo da U.E, o PP de Fraga e Feixóo, abandonaron aos obradoiros de roupa e calzado e ao naval, esmagaron as empresas de enerxías renovábeis, ás industrias transformadoras de alimentos e madeira e a industria farmacéutica. Velaquí a sorpresa cando en plena pandemia do Covid-19,  a “gran, gran” Europa carece de fabricas de máscaras. Que absurdo é todo.

Do que si sabe muito o PP de Feixóo é de defender o rural. Por iso na última década pecharon a metade das granxas galegas, por iso o noso sector pesqueiro afunde fronte aos intereses da U.E dos mercaderes, por iso os nosos labregos son os menos apoiados polas institucións no conxunto do reino de España. Por iso o noso monte, o cal ben xestionado podería crear milleiros de postos de traballo directos e indirectos, é un monocultivo ao servizo de ENCE. Por iso Galiza é o territorio do estado con maior taxa de emigración, e polo tanto o territorio máis avellentado, cun rural que esmorece.

E mentres tanto traemos as patacas en barco dende Morrocos e a carne de vaca en avión dende a Arxentina, para que as grandes cadeas fagan produtos precociñados cheos de químicos e llos vendan aos caterings amiguetes de Feixóo. Despois son contratados para servir “alimentos” aos comedores de colexios, hospitais, residencias. Feixóo, que gran xestor !! Que ben entende a súa terra !!  E que ben protexe os seus negocios !! Imaxinades un lei galega, que obrigue a todo comedor de administración pública a mercar alimentos ecolóxicos e artesanos de Km 0? Canta riqueza e traballo pode xerar e canta poboación rural pode fixar a soberanía alimentaria.

Neste mundo pos-Covid, non nos podemos permitir máis estafa e corrupción do PP de Feixóo. Existe unha alternativa, que aínda cos seus erros e contradicións, é unha alternativa clara, decente e avanzada, e coas mans libres para defender sempre e ante todo os intereses da maioría social galega. Este 12 de xullo concentremos todos e todas o voto do cambio galego, republicano, pola igualdade e polo desenvolvemento sostíbel. Enchemos as urnas con votos ao BNG de Ana Pontón.

Comentarios