Opinión

Atlas imaxinario para unha nova República: 5 Leccións dende Catalunya

Este será o segundo dunha serie de artigos concatenados, para tentar establecer unha proposta de posicionamento político global no momento actual. No primeiro artigo, expuxen unha visión global do contexto socio-político actual. Todo o que representa o transcendente Procés Republicano Catalán fíxome reconfigurar a orde de emisión dos artigos e colocalo prioritariamente como artigo N 2, artigo que por certo comezou a ser escrito antes do intento de investidura de Turull e o novo recrudecemento dun nivel de represión nunca visto antes nestes 40 anos de Réxime antidemocrático.

1. Si, claro que é posible rachar co Réxime do 78.

A pesares de ter na contra as oligarquías capitalistas mundiais, a espanhola, a europea e tamén a catalá, tamén a toda a maquinaria do Reino de Espanha ao completo, xuíces comprados, policía e guardia civil, cúpulas militares e a familia real, a todos os grandes medios de comunicación dende A3 ata La Sexta, ao PP, ao PSOE, a C's e incluso a Unidos Podemos; o pobo catalán volveu a ganhar nas urnas revalidando así unha dignidade e rebeldía democráticas de auténtica bravura. Bravura coa que venceron un intento de golpe de estado e a campanha do medo contra o pobo, a campanha de desinformación e represión máis ruín e noxenta dos últimos anos. O Procés volve a demostrar que vai máis ala de nomes ou partidos políticos concretos, trátase dunha revolta popular republicana transversal e masiva, que se transmite tamén a nivel electoral-institucional, sendo polo momento, o único proceso sociopolítico no conxunto do estado con posibilidades reais de rachar o que vimos en chamar Réxime do 78 na actualidade.

2. A besta réxime do 78 entra en pánico.

O Procés catalán vén a ser o primeiro movemento socio-político que está vencendo o Réxime no marco de xogo que o Réxime mesmo estableceu na transición franquista. As oligarquías espanholas saben que o proceso republicano catalán non só podería liberar das súas gadoupas a “despensa” económica do Reino, senón que podería ser unha nova faísca que avive os  procesos republicanos e soberanistas en Euskal Herria, Galiza e outras nacións sen estado.  E de aí vén a noxenta escalada represiva exercida polo Réxime tardo franquista do 78 a cal xa non ten volta atrás, chegando a encarcerar e exiliar ao goberno catalán electo e a varios deputados e líderes de movementos soberanistas completamente pacíficos, por materializar mediante a lexítima desobediencia un dereito universal básico como o é un Referendo, que non lle deixaron exercer durante 5 anos dunha demanda social masiva. Cabe lembrar que Galiza ten unha importancia estratéxica para o Reino, pois alén de ter sido e ser a grande “despensa” de recursos a espoliar (1/3 da enerxía eléctrica, riqueza extraordinaria en materias primas, gran parte da industria pesada, man de obra formada  coas taxas mais altas de emigración proporcionais no conxunto do estado) é tamén unha nación cunha  historia, cultura, lingua e identidade propias extraordinariamente antergas e poderosas, partilladas en  vocación fraterna coa nación portuguesa, o cal podería acordar (despertar máis pronto que tarde) un grave risco para a pervivencia do proxecto imperialista e asimilador do secular e decimonónico estado represivo espanhol. A represión salvaxe actual é un aviso a navegantes, un aviso aos movementos republicanos de liberación nacional, tal como xa expresou esa besta con garabata, chamado Pablo Casado.

3. Os tempos son chegados, ergamos as Repúblicas.

O Reino de Espanha -Réxime do 78- é a forma que o imperialismo do grande capital adquire nesta parte do mundo. Ese sistema pactado entre as cúpulas da ditadura e da progresía entreguista e traidora ao pobo, PSOE Felipista, I.U. Carrillista, CC.OO e UGT, é un sistema reaccionario, explotador, manipulador e represor por xenética. A súa natureza baséase en manter os privilexios dunha minoría a costa dos dereitos e das vidas dunhas maiorías. Pero dende a crise de 2008, especialmente dende o inicio do Procés, a súa faceta represora e manipuladora incrementouse ata extremos insospeitados e case únicos na dinámica de fondo dunha nova Europa fascistoide que aflora. A instrumentalización total do poder xudicial, o control mediático case absoluto, a existencia de centos de presos políticos, e o espallamento da política do medo, da censura e da criminalización mediante a Lei Mordaza (extensión da Lei Corcuera), desfiguraron calquera vestixio de máscara de falsa democracia pretendida.

O Réxime do 78 está desesperado, é un xigante con pés de arxila. Non pode dar resposta ás expectativas de millóns de persoas que se miran cada vez mais empobrecidas, recortadas e maltratadas, e de aí os movementos e luitas obreir@s, estudantís, feministas, soberanistas e ecoloxistas, o Nunca Máis, o Non á Guerra, o 15M, ou agora xa por fin os pensionistas e xubilados. O Reino efectúa unha tiránica e tripla opresión: de clase, de xénero e cultural-identitaria imperialista sobre as nacións sen estado, e sen dúbida, é xusto nestes pobos-nación sen estado que sufrimos a tripla opresión, onde o poder do Reino sempre tivo e ten mais conflitos para manterse, especialmente en Galiza, Euskadi e Catalunya. A historia demostra que todos os imperios acaban derruídos, e o Reino de Espanha na súa última versión, o Réxime do 78, tamén caerá. O seu derrubamento comezara pola construción das Repúblicas libres e lideradas polas esquerdas nos Països Catalans, Euskal Herria, Galiza e outros posíbeis e, sen dúbida, unha coordinación real entre os movementos soberanistas peninsulares é hoxe mais ca nunca, indispensábel.

4. Leccións de organización do traballo socio-político.

Poucos poderían predicir 7 anos atrás o que esta ocorrendo en Catalunya agora. De feito ata fai unha década as posicións independentistas eran en Catalunya incluso minoritarias e contaban só cun apoio de entre un 15-20% da poboación. Mediante a revolta democrática transversal actual estas taxas disparáronse ata o 50-55% da poboación, tan só nun lustro. Despois das últimas mobilizacións populares masivas no conxunto do estado entre o 2011-2013, 15M, estudantes, folgas obreiras... o único territorio do estado onde a mobilización popular masiva proseguiu despois do 2013 ata a actualidade, foi precisamente Catalunya. E non, non é casualidade, nin se debe só a factores socio-políticos que na tradición política se asumen como favorábeis; tales como o son ter un  poder económico de seu, ou posuír unha dereita política fragmentada e no momento actual enfrontada. O Procés actual é un exemplo demasiado claro e demostra que a luita activa, militante e entregada en tódalas frontes é imprescindíbel, sendo capaces á vez de limitar os efectos na práctica política dos sectarismos, personalismos que sempre se dan en calquera parte. 

O nivel de dinamismo e asociacionismo da sociedade catalá é desbordante, traballo socio-político a nivel de rúa, centros sociais e cívicos, cultural, deportivo, vecinhal, escolar, sindical, terra e ambiente, vivenda, memoria e conhecemento libre, solidariedade nacional e internacional, e tamén por suposto a luita no campo electoral. Pero, iso si, sen entregalo “todo” á carta única das eleccións, é dicir sen sufrir a deriva electoralista tan acusada como a que sofremos aquí en Galiza nas últimas décadas. O caso catalán tamén demostra a importancia vital do traballo de creación e mantemento dunha rede diversa, plural e dinámica de medios de comunicación propios, o que é pola súa vez o noso grande talón de Aquiles na Galiza, un só ten que mirar a TV3 de vez e cando para darse conta deste feito. As diferentes organizacións republicanas patriotas teremos agora si, altura de miras neste momento histórico para construír eses movementos de base unitarios?

5. A soberanía republicana mediante a ruptura do Réxime 78 é antagónica a coalicións electorais coa proguesía espanhola.

A “esquerda” progre nacionalista espanhola esta actuando como contrarevolución. “Nacemos para romper el Régimen del 78”, bramaba mesianicamente Pablo Iglesias ala polos 2013 e 2014, mentres ATRESMEDIA S.A distribuíao en tódalas TVs e platós como alternativa ao PP. Mais certo é que coa primeira revolta popular transcendente que lles tocou enfrontar á dirección de Unidos Podemos, todas as máscaras caíron. O papel que están xogando entorno ao que esta suponhendo todo o Procés catalán, trátase de algo esclarecedor ata para o máis cego dos choscos. Un papel reaccionario, contra-transformador e no fondo alinhado co mantemento do réxime do 78. Esa enorme contradición, inadmisible dende unha postura pretendidamente de esquerdas, baseada en identificarse e definirse no suxeito nacional do imperio opresor como patriotas espanhois (así é como eles mesmos se definen), fai que actúen deste xeito tan traidor á rebelión popular

E mentres 2 millóns de persoas, 1/3 da sociedade catalá mobilízase dunha maneira brutal durante mais de 5 anos, Errejón atácanos dicindo que “Es un movimiento al servicio de la derecha nacionalista catalana” e Bescansa resposta con “Hay que hablarle más a los espanholes y no solo a los independentistas”. A dirección alfa do Lobby Complutense purgou automaticamente a Dante Fachín, o seu principal referente en Catalunya, porque el si posicionouse a prol rebelión popular e da rotura do Réxime do 78. E si, o independentismo catalán fixo “picadillo” á “esquerda” espanhola. Aínda que a farsa a algúns vénlles xa de nacemento pois Podemos non foi nin é o 15M.

Cada vez os tempos dos cambios socio-políticos son mais rápidos, a poeira volveuse enlamada e só nese mesmo lustro. A equivocada estratexia reformista de Unidos-Pudieramos da que algúns xa avisamos anos atrás, provocou unha dexeneración irreconhecible do seu propio proxecto, reconvertido agora nun partido vertical do politiqueo mais vello, purgando todas as voces críticas e favorecendo así a mediocridade mais trepa, sen base social organizada e dirixido polo Lobby Complutense a golpe de publicación de facebook. O seu reformismo inherente alinhado ao golpe de cheque televisivo dos mass Media, provocou unha enorme “desmobilización” social dende o 2.013 afectando aos sectores populares menos concienciados, e só podendo aspirar a ser a muleta do PSOE Sanchista, observan como agora Ciudadanos devóraos polo chamado “centro” neste caldo de cultivo Neocon de bipartidismo a 4 no que agora pretenden instalarnos (http://www.sermosgaliza.gal/articulo/politica/anova-denuncia-direccion-unidos-podemos-non-contou-ela-lanzar-reforma-eleitoral/20180307073948066690.html).

Mais non todo esta perdido, Cartago non venceu a Roma, pero no momento en que esmorecía polo seu propio peso, os pobos bárbaros, un a un, fronte a fronte, fixeron colapsar o Imperio. Este é o momento das Repúblicas dos pobos libres, contra este réxime que xa entrou en pánico, contra este sistema moribundo, contra a tripla Opresión, de clase, de xénero e nacional-identitaria. Fora derrotismos e desganas, temos a forza da razón, volvamos, construamos organización e unidade, dende a base e dende a solidariedade. Venceremos Nós.

Comentarios