Opinión

Todos a eito

Comeza a tempada e tes que planificar as plantillas, repartir aos nenos e as nenas da mesma categoría en diferentes equipos, pero...como o facemos?

Xuntámolos a eito?, ou por orde alfabética?, ou mellor, segundo se viñeran a apuntar  ao clube...algúns van querer estar no mesmo equipo que o seu amigo, así que aquí temos un dilema, porque, claro, confeccionar aos equipos tendo en conta o nivel que posúa cada neno ou nena, é dicir xuntar “aos bos cos bos” e “aos malos cos malos” soa políticamente incorrecto, e dito nesos termos si o é.

O obxectivo é que o neno ou nena se sinta competente ante os seus compañeiros, dentro do seu grupo de traballo, que gañe en autoconfianza

Pero é o mellor xeito de facilitárllela aprendizaxe da práctica deportiva aos nosos rapaces e rapazas, agrupalos segundo o nivel de destreza que posúan, canto máis homoxéneo sexa o grupo, mellor pode o adestrador ou adestradora planificar o adestramento, adaptárllelo a un determinado nivel, e tanto me ten que o nivel sexa moi alto coma moi baixo, o obxectivo é que o neno ou nena se sinta competente ante os seus compañeiros, dentro do seu grupo de traballo, que gañe en autoconfianza, unhas das bases da aprendizaxe.

Debemos desterrar o estigma que supón pertencer a un equipo que leve a letra B, C ou D, o realmente importante é que nenos e nenas desfruten da práctica deportiva, que compitan en igualdade de condicións contra equipos de nivel semellante (aspecto que as Federacións deberían ter moi en conta), que dende a banda o seu adestrador e dende a bancada os seus pais lles aplaudan o esforzo realizado e o interese mostrado na actividade deportiva.
    
O éxito non é algo material, nin un resultado, o éxito son as experiencias do camiño, as persoas que te atopas coa mesma ou con diferente camiseta, un rival que loita con nobreza contra ti e que te axuda a superarte, o éxito é desfrutar da vida.

Comentarios