Opinión

Psicoloxía deportiva: o erro do porteiro (Karius vs Lloris)

Os erros dos porteiros de fútbol chaman moito máis a atención por razóns obvias, un erro dun xogador tan específico como é o porteiro pode decantar un partido, unha eliminatoria ou un campeonato a prol do equipo rival.

O porteiro vive na corda frouxa, apenas uns metros por diante da liña de gol, onde o erro ten moita máis trascendencia, un paso en falso, unha dúbida e a dinámica do partido tórnase en contra do teu equipo, o público bótase enriba do túa, aumenta a presión e afloran, máis se cadra, os nervios.

Tanto na última final da Champions League 2018, como na final do Mundial de Rusia 2018 puidemos asistir a dous erros flagrantes por parte de dous porteiros de elite, o porteiro alemán do Liverpool, Loris Karius na final da Champions e o porteiro da selección francesa Hugo Lloris na final do Mundial de Rusia, pero que atenden a circunstancias moi diferentes dende o punto de vista da psicoloxía deportiva.

O erro de Karius prodúcese na segunda parte dun encontro igualado, 0-0 no marcador, o porteiro agarra un balón doado e quere sacar axiña para o seu compañeiro, un pase coa man moi doado, pero non se decata que ao seu carón está un rival que intercepta o pase facendo que o balón remate no fondo da portería, un erro que pode atopar a súa explicación nun exceso de activación por parte do porteiro, que o leva a precipitarse, unha ansiedade por facer máis e mellor o seu traballo, que lle xenera unha visión de túnel, un estreitamento do enfoque atencional onde deixa de percibir elementos circundantes que poden ser relevantes para centrarse en exceso no seu obxectivo prioritario e deixando de percibir o perigo que o atalla.

Pola outra bando erro de Hugo Lloris prodúcese en circunstancias moi diferentes, o partido xa moi avanzado, o resultado de 4-1 a prol de Francia, Lloris recibe un pase dun compañeiro que controla cos pes, encara ao rival que o vai a presionar, a sensación de seguridade fai que o porteiro baixe o seu tono muscular, unha autoconfianza elevada incítao a arriscar máis do debido, faino minimizar as ameazas externas, que lle leva a facer un recorte pouco preciso e sen tensión que provoca que o rival corte un balón que de rebote remata no fondo da rede.

Como te recuperas destas situación?

O porteiro do Liverpool quedou ancorado no erro, para mais inri encaixa un segundo gol imparable que afonda máis se cadra na súa sensación de impotencia e frustración que probablemente favoreceu que no terceiro gol (outro erro flagrante) estivera coa mente noutro lugar. Un axeitado adestramento psicolóxico houbera facilitado que se repuxera máis rápido do seu erro, reenfocar a súa atención, “gardar” o erro para unha posterior análise, centrarse na tarefa.

A Lloris foille máis doado recuperarse, aumentar a atención, ser máis contundente e rápido nas súas accións e non subestimar ao rival...eso sí, o francés xa tiña o campionato do mundo prácticamente gañado co que iso aporta en seguridade e autoestima.

Comentarios