Opinión

Fascismo a bordo? Non, grazas

No pasado mes de decembro tivemos coñecemento de que en novembro de 2018 na “Escuela Naval Militar” de Marín durante a celebración dunha festa de despedida do grupo de alumnas e alumnos de terceiro curso que embarcarían no buque escola “Juan Sebastián de Elcano” para realizar o seu cruceiro de instrución, un grupo de asistentes uniformados e non uniformados, algúns deles co brazo en alto facendo o saúdo nazi, entoaron o himno fascista “Primavera”, versión que da Katyusha rusa fixeron no seu día os integrantes da división azul enviada a combate por Franco en apoio a Alemaña de Hitler.

É un acto similar ao outro coñecido con anterioridade e que tivo lugar con integrantes da brigada paracaidista de Paracuellos del Jarama.

Estes feitos súmanse aos chats de ex militares que defenden comportamentos antidemocráticos, actitudes fascistas e ameazas de asasinato a parte da poboación.

O caso máis recente á hora de escribir esta columna de opinión, é a publicación da orde do día do venres 1 de xaneiro de 2021, emitida pola Subdirección “Escuela de Especialidades de la Estación Naval de A Graña” en Ferrol. No apartado de efemérides recordan o afundimento do submarino C5 en xaneiro de 1937 por parte da frota sublevada contra o goberno democrático e legalmente establecido da II República, cunha linguaxe trasnoitada e propia do réxime franquista. 

Non coñecemos as medidas tomadas con este intolerábel episodio dos alumnos así como as sancións impostas

Unicamente consta a toma de medidas neste último caso co cese do xefe de estudos do centro académico militar. A sociedade civil no seu conxunto non pode permitir en pleno século XXI que persistan este tipo de comportamentos en ningún ámbito e especialmente no militar. 

En relación ao caso acontecido fai agora dous anos en Marín e que acaba de saír a luz nestes días pasados, facemos a seguinte reflexión. No Real Decreto 96/2009 polo que se aproban as Reais Ordenanzas para as Forzas Armadas establécese:

Artigo 5. Actuación do militar como servidor público: deberá actuar en relación aos principios de obxectividade, integridade, neutralidade, responsabilidade, imparcialidade, confidencialidade, dedicación ao servizo, transparencia, exemplaridade, ...

Artigo 11. Dignidade da persoa: axustará a súa conduta ao respecto das persoas, ao ben común.

Artigo 25. Formación: manterá unha sólida formación moral, intelectual, humanística e técnica.

Artigo 32. Relacións coa poboación civil: fomentará a relación coa poboación civil e será cortés e deferente no seu trato con ela.

Á vista do vídeo difundido, está claro que no comportamento dos cánticos fascistas non hai integridade, nin responsabilidade, nin exemplaridade, nin respecto as persoas, nin un trato cortés e deferente e faise gala dunha nula formación moral, intelectual e humanística.

A Lei Orgánica 8/2014 do Réxime Disciplinario das Forzas Armadas establece no seu artigo 2.3 o ámbito de aplicación cun apartado especial para “os alumnos dos centros docentes militares de formación...”, e nos artigos 6, 7 e 8 temos a regulación das faltas leves, graves e moi graves. 

No comportamento dos cánticos fascistas non hai integridade, nin responsabilidade, nin exemplaridade

Considéranse faltas susceptibles de sanción polos órganos competentes (artigos 32 e 33) realizar actos irrespectuosos ou adoptar expresións, actitudes ou manifestacións de menosprezo; realizar ou tolerar actos que atenten contra a dignidade das persoas; levar a cabo actos contrarios á dignidade militar... Todas estas características, como mínimo, as reúnen os cánticos fascistas en Marín nesa noite de novembro de 2018.

Non coñecemos as medidas tomadas con este intolerable episodio: investigación e identificación dos alumnos así como as sancións impostas polo órgano ou mando competente para elo. En función do resultado da investigación e da graduación da falta, a sanción podería carrear a baixa do centro docente, polo que é posible que alumnos de terceiro curso asistentes e participantes en ditos cánticos fascistas de novembro de 2018 non deban graduarse en xullo de 2021 como oficiais da Armada.

Comentarios