Opinión

Xustiza e liberdade

Esas debían ser as leis mais respeitadas na vida e no mundo, pero non son porque a sociedade está rexida desde tempos inmemoriais por un sistema de elites e ¨superiores¨ con direito a escravizar os ¨inferiores¨. Agora mesmo estamos nun mundo no que a política e a economía están dirixidas a enriquecer unha minoría e empobrecer a maioría. Como é posíbel que en tantos anos e séculos non se lle puxese remedio a ese sistema de amos e escravos, que se disfarza segundo as modas para que non se note moito que é sempre o mesmo? Por que non hai nen houbo xustiza e liberdade e o que mais hai é inxustiza e opresión? Por que está sempre tan ameazada a pouca democracia que se conseguiu?

É posíbel que a explicación sexa moito mais sinxela do que parece e que haxa que ir ás bases e fundamentos, porque o que está mal feito desde o comezo non pode saír ben. Se os alicerces dun edificio ou os materiais cos que está feito son defeituosos, por moi boa aparencia que poida ter cando está novo, os defeitos irán aparecendo, agrandándose e producindo cada vez máis problemas.

Poderán conseguirse a xustiza e a liberdade na vida colectiva se non se fai nada para que se entendan e cultiven en cada persoa? E o entendemento e cultivo delas en cada persoa tería que empezar desde que nacemos, na casa e na familia, mais iso foi o que non se permitiu. O que se instituíu foi a familia maquinal. A familia intelixente e educadora botaría abaixo o sistema. Se na casa se educase para a independencia política, económica, mental e intelectual, en lugar de mal educar para a dependencia eterna, o resultado colectivo sería unha gran criatividade en todo, en lugar de imitación, repetición e vidas frustradas e malogradas.

O tipo de familia que se impuxo no mundo esmaga a liberdade e a xustiza, e cultiva o medo e a opresión. Dado que se decretou que as mulleres eran inferiores natas e que naceran para servir os homes, os superiores natos, que educación podían receber os fillos desas nais ás que se incapacitou para educar? Con esa base, que podía saír desa ¨construción¨? Como se podía apreciar a xustiza e a liberdade e como se podía aprender a manexalas, se nunca se viran?

Chama a atención que non teña sido reivindicación feminista que as mulleres sexan as principais educadoras dos fillos. O papel das nais nesa familia que se impuxo é manexar o sentimento dos fillos para que se conformen co mundo como está e se adapten sen protestar. De que eduquen o intelecto nen se fala; o importante é que maleduquen e dirixan o sentimento de tal maneira que practicar o abuso, ou aturalo, lles pareza natural e non se rebelen contra o sistema. Se as nais educasen os fillos (e os pais tamén) en lugar de domalos, poderían mudar a sociedade radicalmente e facer que cada persoa que nace teña o direito a chegar a ser o que é e a desenvolver as súas posibilidades, en lugar de nacer para non ser nada, de non ser que se conforme co sistema e actúe como está mandado. As mulleres, como nais, colaboraron co sistema e apoiaron o exceso de direitos dos fillos varóns e a falta deles das fillas. É natural que o fixeran, mesmo porque as mantiveron na ignorancia e os que manexaron as relixións fixéronlles crer que iso era o decretado polos deuses. O papel da nai nesa familia é manexar o sentimento dos fillos para que se conformen coa inxustiza e a falta de liberdade, e para o sistema é fundamental que o fagan, pois que sen iso afundiríase.

Das relacións inxustas, dentro e fóra da familia, non pode xurdir xustiza, e a falta de liberdade predispón á tiranía. A xustiza e a liberdade teñen que ir sempre xuntas. En nome dunha delas non se pode esmagar a outra porque entón quedan anuladas as dúas. Pero nunca poderá haber unha fórmula ou receita para que funcione esa relación. Haberá que afinala seguido, como se fose un instrumento musical. E por onde hai que empezar é polos alicerces, pola familia, que é a célula básica na que se aprenden os fundamentos que rexerán logo as estruturas todas da sociedade. As mulleres poderían emprender esa revolución que cambiaría o mundo.

Comentarios