Opinión

A xente ten máis entendedeiras do que moitos cren

Nestes tempos, o de que un partido gañe por maioria absoluta non hai que interpretalo como que aos votantes lles agrade moito ese partido, senón como sinal de que non lles agradan os demais. Estamos nun importante momento de transición, no que a xente deixou de acreditar en farrapos cheos de ideoloxías prometedoras de paraísos, igual que nalgún outro momento deixou de acreditar no que predicaban as igrexas e os que falaban en nome dos deuses.

O que a xente quer é democracia, liberdade, xustiza, traballo e bon governo, e o que sabe é que os políticos poucas veces din a verdade e que pensan que van gañar se oferecen política de diseño e apresentan boa apariencia para saír ben nas fotos e na televisión. Eses políticos non semellan decatarse de que a televisión é espada de dous fíos e que se nota moito cando alguén está mentindo ou repetindo de memoria o catecismo que lle ensinaron.

A protesta mais grande é contra unha esquerda que, en nome dos de abaixo, pretende dictar o que hai que pensar e sentir

En todas as eleicións de agora hai un voto de protesta moi forte contra certo tipo de política e de políticos, e a protesta mais grande é contra unha esquerda que, en nome dos de abaixo, pretende dictar o que hai que pensar e sentir, e actúa como se ostentar a marca da esquerda lle outorgase superioridade moral e o direito a censurar e acalar todo posíbel debate para que só fiquen dogmas e ¨verdades¨ divinas e indiscutíveis.

Debate, opinións e estudo dos problemas que hai e haberá sempre é o que a xente quer, non que lle den solucións falsas e lle exixan unha fe cega de tipo ¨relixioso¨ en que os que se apresentan como bons, e amantes e intérpretes únicos das nazóns e dos povos, van facer as cousas ben. Nestas eleicións galegas o que se viu foi rexeitamento da esquerda convencional, desilusión cunhas mareas que semellaba que oferecían algo distinto e logo viraron regatos sen forza e perdidos, e un Bloque ao que a xente votou porque apreciou nel o desexo de anovarse e de cultivar unha empatía que faltou cuase sempre no galeguismo e no nacionalismo galego.  

Comentarios