Opinión

Ten futuro o galego?

Aló polos anos 70 do século pasado pensaron moitos que facer o galego lingua oficial lle daría o prestixio que precisaba e curaría os problemas todos. Algúns conformábanse con que o galego virase monumento nacional e os máis “románticos” pensaban que os galegos estaban rabiando por falar en galego e que Franco non lles deixara. Non se quixo ver que había unha fuxida do galego como había unha fuxida da aldea. As dúas cousas ían xuntas, pois que, co andar do tempo, o galego ficara acurrunchado nas aldeas e desprezado como elas. Pasaron os anos e estase a ver que a doenza non curou, que o galego se fala menos cada días e que se segue así vai morrer. Será a culpa dos galegos, que somos deixados e non sabemos defender o noso? Ou será que non se fixo un diagnóstico acertado da situación da lingua? Porque o que non se quixo recoñecer foi que o galego non estaba en bo estado, e esa evasión da realidade non deixou remedialo. Que sucedería se a alguén cunha doenza grave lle dixeran que tiña unha catarreira de nada? Que sería como ter tose e rañar o lombo. A doenza agravaría e o doente morrería.

O galego foi unha lingua que tivo unha vida normal até que, por vicisitudes históricas, a Galiza quedou formando parte do reino de Castela e afastada de Portugal. Que sucedeu con aquel idioma común dos dous países ibéricos? Que en Portugal seguiu levando vida normal e logo aínda se espallou polo imperio portugués, e na Galiza foi quedando minguada e empobrecida, asoballada polo castelán, que virou a lingua máis e máis poderosa.

Todos os idiomas son fráxiles cando están en contacto con outras “máis potentes”. Esa potencia non é intrínseca, senón que vén do poder económico e político dos países nas distintas épocas. E a lingua da potencia política e económica do momento vira atraente e apetecida. É doado entender que o galego fose quedando invadido polo castelán se ollamos o que está sucedendo agora no castelán diante do inglés, a lingua cobizábel e poderosa de hoxe. Por riba de que todo o mundo queira saber e aprender o inglés e que se coide necesario para todo, prefírese aínda cando non hai razón ningunha, porque ten máis chiste e considérase superior. Que razón poderá haber para que se prefira dicir low cost que “baixo custo” ou “barato”, ou para que se adore falar das fake news cando son as “noticias falsas” de sempre? 

Non se quer recoñecer que o galego non puido seguir tendo unha evolución normal desde que quedou acurrunchado e invadido pola lingua poderosa, e que perdeu vida e creatividade. O galego quedou parado como lingua oral e sen escrita, como quedaría calquera idioma nas mesmas circunstancias. Tapar a historia por unha especie de orgullo de familia que quer pintar un pasado glorioso  non deixa construír o futuro.

Pechar os ollos ao que sucedeu co galego e non querer admitir que por forza tivo que quedar empobrecido leva a castelanizalo e a presentar como lingua galega unha mestura chafalleira de galego e castelán. Haberá moitas palabras en galego para describir un carro de bois, pero non hai nada para describir un auto ou un avión porque todo iso xa entrou en castelán. Sacar o galego da pobreza e resucitalo non sería labor doado, pero tampouco sería imposíbel. Para facelo habería que empezar por cultivar o galego de verdade, o “antigo”, o “de aldea”, que, aínda que sexa un instrumento ao que lle faltan o rexistro moderno e o culto, é o que ten a música da lingua, a alma e o espírito. E para o que falte, acudir ao portugués, que é como sería o galego se tivese vivido unha vida normal sen estar invadido por outra lingua, pero dándolle preferencia ao galego de verdade cando se poida, por exemplo usando palabras como “axiña” e moitas outras que se cadra xa non se din tanto no portugués moderno pero que seguen vivas no galego e teñen a beleza e expresividade da lingua. Se non se cultiva o galego “de aldea”, o único que haberá será unha mestura desairosa que non é mel nin fel e que soa máis a castelán que a galego, cando recuperar e restaurar o galego de verdade lle daría pulo e futuro á lingua.

Comentarios