Opinión

Para que son os estudos?

Todo depende do valor que se lle dea ao saber. O que non se pode negar é que o saber ten que ver co poder: por algo ás mulleres e aos escravos non se lles permitiu acceso ao coñecemento e se lles mantivo na ignorancia. E por iso os estudos foron até hai moi pouco no mundo enteiro reserva exclusiva das clases superiores. E cando toda a poboación acadou acceso a eles, deterioráronse e perderon calidade. Se antes estaban pensados para asegurar o poder e mando das clases superiores, logo, con máis ou menos disimulo, funcionaron para que os poderosos puidesen seguir mandando en todo. A conexión que teñen co traballo e con facer carreira víraos un dos instrumentos máis eficaces de estabelecemento de xerarquía e de división entre superiores e inferiores segundo lles conveña aos que poden dar postos de traballo e facilitar carreiras. Permitir que esa conexión sexa o único que conte leva a que os novos estean destinados a seren robots e mansos cordeiriños que estudarán o que lles manden, teñan aptitudes ou non. E así, co de obrigar a todos a facer estudos para os que non teñen destreza nen inclinación, pérdense talentos para outras cousas e críase imensa amargura e infelicidade.

O ensino primario e secundario tería que ser para que os alumnos adquiran cultura e formen as faculdades intelectuais, é dicer, para darlles unha idea de como é o mundo e o que hai nel, equipalos desde o ponto de vista intelectual para a vida e axudalos con iso a formar o carácter e acadar independencia cando lles chegue o momento. Unha persoa sen cultura non terá elementos para saber se o que ve ou o que lle contan será certo ou non e terá que ir por onde a leven.

O lóxico sería que cos estudos primarios e secundarios a xente nova adquirise un equipo básico para andar pola vida, e para iso terían que facerse con tranquilidade e sen que fose unha carreira de obstáculos pensada para seleccionar aos que parecen mellores e máis listos, o que vén sendo unha forma de trata, de ensinar aos novos a compracer as autoridades e venderse a elas. Cal tería que ser ese equipo básico? Antes os estudos eran en gran medida para adquirir datos que non se podían procurar doutra maneira, pero agora os datos conséguense sen estudar e con moita máis rapidez. O cerebro humano non pode competir niso cun computador, e cada vez poderá competir menos, a medida que os computadores, ou o que se invente depois deles, vaian sendo mais potentes. O que pode facer é usalos con intelixencia humana, que non é como a das máquinas. Entón o axeitado sería desenvolver ao máximo o que é distinto das máquinas, e mesmo facer o contrario, aspirar a “desprogramarse” e a non actuar nen pensar de forma automática.

A vella división entre Ciencias e Letras non ten xa sentido nengún, se é que algunha vez o tivo. Se ao que se aspira é a que os estudos dean un coñecemento xeral do mundo, aínda que se teña máis inclinación ou aptitudes para as “letras”, será útil tamén telo das ciencias, e viceversa, en vez de entrar xa desde o comezo por camiños que reduzan as faculdades e o futuro. Porque a mellor maneira de prepararse para o futuro, que sempre é distinto do pasado e do presente, é alcanzar axilidade mental e folgaxe.

Non son moitas as cousas que terían que ser esenciais no ensino e aprenderse ben sempre: ler, escreber e, se cadra, contar. Se non se sabe ler ben e escreber ben, a gosto e con largueza, vai faltar sempre a capacidade de expresarse, fundamental para todo, e van faltar folgos para seguir estudando e aprendendo. Fóra diso, hai moi poucas cousas, ou nengunha, que haxa que saber nesa etapa da vida con moitos datos e detalles, pois que iso se pode obter máis adiante se interesa. Encher o cerebro con datos túpeo e, en lugar de educalo, inutilízao. E hai dúas materias tan importantes para entender o mundo e a vida que terían que formar parte esencial da educación, na casa e nos centros docentes: a política e a economía. Terían que deixar de ser especialidades e virar temas de discusión e conversa habitual. E ese coñecemento faría moito máis difícil o engano, a opresión e o mal goberno das nazóns.

Comentarios