Opinión

Sim ou non á independencia da Escócia

Queda xa moi pouco tempo para o referendo sobre a independencia da Escócia e, segun as pesquisas de opinion, os do sim e os do non andan case igualados, con lixeira avantaxe dos partidarios de que siga a Union.

Queda xa moi pouco tempo para o referendo sobre a independencia da Escócia e, segun as pesquisas de opinion, os do sim e os do non andan case igualados, con lixeira avantaxe dos partidarios de que siga a Union.

Os escoceses sempre dixeron que eles eran mais europeus que os ingleses, nas institucions do país e nos enfoques políticos. Escócia ten o seu proprio sistema xurídico, moi distinto do anglosaxon da Inglaterra e mais semellante ao do continente europeu, e ten un sistema proprio de ensino, que, desde o nível primario ao superior, é mais ¨europeu¨ tamben, alguns diran que mellor, menos labiríntico e liberal que o inglés, e outros diran que conduce a unha formacion intelectual mais ríxida e menos aberta.

Escócia en cambio non conserva a língua propria, se por iso se entende o antigo Scots, e o seu idioma é o inglés. A cuestion de se é unha nación nen se prantexa, pois que así se considera xa.

Os indecisos á hora de votar no referendo quéixanse de que non se dan detalles abondo do que significaria na práctica a independencia da Escócia. Os da campaña do non aprovéitano para dicer que os do sim non queren pensar no futuro e piden fe cega para se embarcaren nunha situacion incerta.

"Se en setembro os escoceses votan pola independencia, Inglaterra non se sentirá ofendida porque se rompa a union, deixaráos ir amigabelmente"

No primeiro debate en television, estilo estado-unidense, que houbo hai pouco entre o Primeiro Ministro da Escócia e líder do partido nacionalista escocés, Alex Salmond, e Alistair Darling, líder da campaña ¨Mellor xuntos¨ en favor da Union e ex Chanceler do Tesouro no goberno conservador de Westminster, esperábase que gañase Salmond, mais paroleiro e persuasivo en xeral que o severo Darling, mas non foi así. Ainda que se esperaba que o debate se centrase na relacion coa Unión Europea e nos posíbeis ingresos do petróleo, Darling levouno con maña ao asunto da moeda que teria unha Escócia independente, sabendo que Salmond reafirmaria, cunha argumentacion frouxa, que conservaria a libra esterlina. Darling dixo que iso non era posíbel e que seria tan absurdo como se unha parella se divorciase e logo depois abrisen unha conta bancaria en comun.

Unha cuestion que vai pesar seguramente é a de que moitos escoceses, a maioría talvez, síntense tamben británicos ou non teñen nada en contra de selo, ainda que por suposto non son nen se sinten ingleses. Non sinten afinidade con Londres nen coa Inglaterra do sur, mas niso non son distintos dos ingleses do norte, que tampouco a sinten. Se en setembro os escoceses votan pola independencia, Inglaterra non se sentirá ofendida porque se rompa a union, deixaráos ir amigabelmente, consentirá que sigan tendo escaños no Parlamento de Westminster ainda que os ingleses non os teñan no Parlamento escocés, e negociará para que a nova situacion resulte o mellor posíbel.

Comentarios