Opinión

Saúde ou diñeiro?

Así foi como se presentou a resposta á pandemia do coronavirus. E habería que cuestionar que se usen escollas falsas para desviar a atención das verdadeiras escollas que hai que facer. É mellor quedar cego ou xordo? Que é peor, quedar sen mans ou quedar sen pés? Esa escolla absurda entre saúde ou diñeiro propóñena sempre os que teñen cartos abondo e quedan moi ben situándose na primacía moral de desprezar o diñeiro e a economía. Pero a saúde, sen non hai traballo nin maneira de gañarse a vida, non vale para moito e non resolve nada, mentres que o diñeiro pode resolver moitos problemas de saúde persoal e colectiva se, por exemplo, se emprega en bos sistemas de coidados médicos.

Peor aínda é cando a escolla se presenta en termos sentimentais, de corazón contra cabeza e de bos contra malos, como se fixo cando a opción fronte ao virus foi entre vidas e economía. Imos deixar que morran mais para defender a economía? Foi a maneira de acalar todo argumento por razoábel que fose, porque quen se atrevese a dicir que o isolamento ou o desespero por non ter traballo podían ser tan malos como a morte ou peor, quedaba como se fose un asasino que quería ver todos mortos.

No fondo desa escolla entre vidas e diñeiro está a vella idea polos que querían asentar sociedades xerárquicas e autoritarias

No fondo desa escolla entre vidas e diñeiro está a vella idea, inserida, con grande axuda dos que manexaron as relixións, polos que querían asentar sociedades xerárquicas e autoritarias, de que a vida é sempre un don do ceo, un premio dos deuses que dirixen todo desde o outro mundo, e que  temos que estar sempre agradecidísimos aos que nos trouxeron a este mundo, merézano ou non, e estea o mundo como estea. De aí é doado pasar ao agradecemento ás autoridades todas, que tamén fan o sacrificio de aceptar o mando que lles outorgan os deuses. E de aí vén que se xulgase o suicidio como a máis grande afronta de todas, porque o que non está permitido é xulgar a calidade da vida e moito menos escoller irse dela. Iso sería admitir que a vida pode non valer a pena se as condicións nas que hai que pasala non se aturan, o que levaría a pensar que habería que mellorar esas condicións para todos. E por nada do mundo se quere admitir tampouco que a vida sen que se poida atopar traballo é unha afronta á dignidade humana. Os poderosos non queren que haxa o dereito ao traballo porque o que lles convén é que haxa sobrante humano ao que poder escravizar e desprezar. A falsa escolla entre vidas e economía có do virus valeu para que os que escolleran as vidas se sentiran superiores e virtuosos e puidesen desprezar a xente baixa que escollía o emprego e o traballo. Terían feito esa mesma escolla se lles dixesen que para salvar vidas quedaban sen os salarios, as pagas e as pensións que recibían? 

E logo houbo o de contar que mandaba a ciencia. Nesa visión a ciencia vira unha superstición ou un ditado divino que non se pode discutir. Mas a ciencia é mesmo o contrario diso. Fronte a un virus descoñecido que non se sabía como ía actuar nin canto duraría nin os efectos que tería, a ciencia non podía facer máis nada que esperar e ver. Non todos os científicos pensaban o mesmo de cal podería ser a mellor estratexia e había os que coidaban que os encerros non valían para nada, pero aos que non se deixaban levar pola corrente que se decidira nas alturas acaláronos cun bombardeo de estadísticas e algoritmos nada científico. O resultado foi a creación dunha sociedade medraneira, deshumanizada e infantilizada. Se houbese o mesmo bombardeo de estadísticas dos que morren en accidentes de tráfico, habería que pecharse na casa e prohibir os autos e o transporte todo.

Os poderosos non queren que haxa o dereito ao traballo porque o que lles convén é que haxa sobrante humano ao que poder escravizar 

Sábese xa que, como sempre, nas guerras e nas crises económicas, os ricos se fixeron moito máis ricos e vanse facer moito mais. Conseguiron sen esforzo ningún quitar de diante todo o que podía ser un atranco. E cómpre preguntar se é compatíbel coa democracia destruír desa maneira a economía, deixar sen vida os países e estabelecer estados policiais coa desculpa de protexer a cidadanía, que é o que se fai nas ditaduras. Porque, se é posíbel e doado facelo, quer dicir que a liberdade é prestada até que os gobernos queiran quitala.

Comentarios