Opinión

Rosalía e o sentimento

Hai moito ofendido nestes últimos tempos e moita expresión de sentimento. E sería útil lembrar que as elites e oligarquías sempre manexaron os sentimentos dos "inferiores" para tapar abusos con relatos enganosos.

Haberá o dereito a ofenderse por todo? Ou haberá que distinguir entre a verdadeira ofensa, que non se debe permitir, e a ofensa falsa que se usa para rabenar a liberdade dos demais a pensar, dicir e facer o que non nos agrada? 

A todos dóenos cando nos pisan, pero non nos doe cando somos nós os que pisamos, e pode que nin nos decatemos de que o facemos.  A todos parécenos natural e ben aquilo que vimos e sentimos desde que nacemos, mais, para madurar, temos que ir aprendendo que hai outras cousas distintas das que coñecemos desde sempre. Adquirir sensibilidade para o que non é o "noso" fai parte fundamental do cultivo do sentimento que tería que haber e nunca houbo. Por que non o houbo? Porque foi decretado que o sentimento era "cousa de mulleres" e quedou ao bravo, sen pulir nin refinar e por tanto moi doado de dirixir polos que queren mandar e escravizar.

Exemplo luminoso de sentimento cultivado e usado para dar unha visión que, sen iso, non existiría, está na obra de Rosalía. Os xenios saen das fórmulas e receitas que sempre imperan en todos os tempos e chegan máis alá, ven o que os demais non ven e adiántanse ao tempo que lles tocou vivir.

Atrévense a facer o que os outros non se atreven e chegan á beira, á punta mesma do precipicio: un paso máis e caerían, pero non caen. Rosalía atreveuse a sentir como muller e a expresar ese sentimento nun tempo no que as mulleres escritoras disfrazábanse de homes e usaban pseudónimos masculinos porque sabían que, se non, non lles farían caso ningún. Rosalía sentiu, para ela, para os demais e para a Galiza, e tivo a inmensa valentía de levar ao extremo ese sentimento sabendo a incomprensión e hostilidade que provocaría. Chamárona choromiqueira, inculta e atrasada. Chegou ao límite a que chegan os xenios e nunca caeu no abismo da explotación e esaxeración do sentimento ruín que é o sentimentalismo. Usou o sentimento de calidade, pulido como un diamante e educado, e ese sentimento pode mover montañas porque, en lugar de estragar, crea visión, entendemento e futuro.

Non é por un casual que dúas das industrias máis poderosas sexan a do cerebro e a do corazón. As dúas son utilizadas para facer a propaganda que lles convén ás elites e achaiarlles o terreo para que se apoderen de todo. Entender como funcionan as dáas sería moi útil para cambiar a política e o mundo.

O que as elites económicas e sociais non queren é que haxa unha boa educación do intelecto e do sentimento. Aínda que a estas alturas nos países mais adiantados e algo democráticos teña que haber estudos para todos, porque estaría mal visto que non os houbera, están xestionados para que, en lugar de potenciar as facultades intelectuais, as "programen" e mutilen como lles convén aos poderosos. Os estudos para as elites son exclusivos e están pensados para que poidan ostentar superioridade nata, e os estudos para as masas están ideados para facer mentes crédulas e ben mandadas que non pisen fóra do rego marcado polos superiores. E o sentir non se educa, "prográmase" con doutrinas políticas ou relixiosas e coa presión da familia e a sociedade. Funciona sen liberdade nin criterio e vai por onde o leven os que mandan, que é sempre por onde a eles lles convén.

E iso quer dicir que non pode haber bo xuízo, porque para que o haxa teñen que funcionar ben a cabeza e o corazón. O cerebro sen axuda do sentimento non pode ver o que está ben e o que está mal e descarrila, e o sentir sen axuda do intelecto non ten forza e tamén descarrila. O corazón ten que funcionar con permiso da cabeza e a cabeza con permiso do corazón. Non se fixo nunca porque o sistema autoritario deulle a importancia toda á cabeza, considerada privilexio masculino, e deixou sen valía o sentimento, considerado feminino. E talvez a Galiza podería ser a primeira en facelo. Xa temos un xenio criador que abriu o camiño e o fixo, que foi Rosalía.

Comentarios